O BNG de Soutomaior denuncia “chanchulladas” por parte do goberno local na obra do tanatorio.
O pleno de Soutomaior debateu a proposta do PP de non cobrarlle o 95% do imposto sobre construcións á empresa que realizará a obra de transformación do velatorio en tanatorio. Un imposto que, dende o BNG, denuncian que “ten que pagar todo fillo ou filla de veciño que pretenda construír unha casa ou establecer un negocio en Soutomaior. Non en tanto, cando a empresa está vinculada laboralmente cun concelleiro do goberno de Soutomaior, parece que existen privilexios”.
O edil nacionalista Diego Moreira manifestou que “é incrible todo o que aconteceu con esta obra. Logo de todas as queixas que se sufriron durante anos polo seu estado, agora que por fin parece que avanza temos, que soportar que se neguen a darnos a documentación económica durante unha semana, dándonola 23 horas antes do pleno e despois de pór moitos paus nas rodas, até o punto de chegar a manifestar que un concelleiro non pode acceder a unha licencia de obra pública”.