O BNG de Soutomaior pedirá a ampliación do velorio municipal e a súa transformación nun tanatorio
Manu Lourenzo presentará no próximo pleno unha moción que recolle a demanda histórica tanto do BNG como dos veciños do concello
O BNG de Soutomaior pedirá na próxima sesión plenaria do 30 de setembro a ampliación do velorio municipal e a súa transformación nun tanatorio, co obxectivo de atender a unha das demandas históricas que tanto os nacionalistas como a veciñanza de Soutomaior sempre compartiron.
Non é a primeira vez que o BNG leva este tema ao pleno. En setembro do ano 2019, o portavoz municipal xa solicitou a ampliación do velorio, petición que se viu frustrada pola negativa do PP de Soutomaior. “É imprescindible que os veciños poidan facer uso dun edificio digno para poder despedir aos seus seres queridos como se merece”, indicou Lourenzo.
Ademais das fallas arquitectónicas, a situación loxística do velorio é “inexplicable”. A concesión do servizo funerario rematou hai dous anos. No novo expediente de adxudicación, a única empresa que se presentou, Dopemar, S.L., e que actualmente prestaba o servizo, renunciou inexplicablemente.
O BNG esixirá ao goberno local que dea respostas sobre a situación exacta na que se atopa o velorio, e que se posicione con respecto a unha das peticións máis unánimes que agora mesmo preocupa á veciñanza do concello.