Veciñanza de Soutomaior denuncia que Seaga non está a limpar as súas parcelas

Varios veciños e veciñas de Soutomaior que teñen asinado o contrato con Seaga para a limpeza das franxas de proteccion puxéronse en contacto con membros do grupo municipal do BNG para denunciar o seu incumprimento.

O estado de abandono que presentan as parcelas, unido as altas temperaturas que vimos soportando nas ultimas semanas, está xerando intranquilidade entre a veciñanza, e máis despois dos graves incendios que vivimos nos ultimos anos, e que este mesmo verán puxeron en perigo varios núcleos de poboación dos concellos lindeiros con Soutomaior.

O portavoz do BNG de Soutomaior, Manu Lourenzo, denuncia que despois de ano e medio de que o alcalde anunciase na prensa que se ían facer as execucións subsidiarias dalgunhas parcelas, a día de hoxe a maioría seguen sen facerse. Manu Lourenzo tamén critica o incumprimento "reiterado e consciente" da ordenanza de limpeza municipal por parte do PP, "xa que non fan o seu labor inspector, o que conleva a liortas entre veciños".

Para rematar, o portavoz nacionalista dixo que "só hai que dar un paseo polo centro urbano de Arcade e mirar o estado de abandono que presentan algunhas das parcelas", polo que reivindicou a necesidade de priorizar as medidas destinadas á prevención na loita contra os incendios, co obxectivo de evitar que o lume poida poñer en risco os núcleos de poboación de Soutomaior.