O Concello de Soutomaior adeuda máis de 65.000 euros no Servizo de Axuda no Fogar e á Dependencia
O feito de que o Concello de Soutomaior non formalizara a contratación, nin comezara os trámites para unha nova adxudicación cando xa sabía que dende hai anos a data de finalización do contrato, provocou que a día de hoxe intervención teña un informe desfavorable e critique notablemente o feito de que o equipo de Agustín Reguera adeude máis de 65.000 euros á empresa que atende as persoas con necesidades nos seus fogares.
Os técnicos municipais alegan que “O Concello carece do crédito suficiente” ao non existir esta partida no orzamento do 2022 para facer fronte a estes pagos, así mesmo, tamén alega a intervención municipal no seu informe que “se omitiron no expediente trámites esenciais, trátase de facturas non amparadas en ningún contrato vixente, onde se prescindiu total e absolutamente do procedemento establecido".
Por parte do BNG, o seu voceiro e deputado no Parlamento galego, Manu Lourenzo expresa a súa consternación e a do seu grupo, xa que “o informe de intervención é demoledor, os propios técnicos municipais fan constar a falta de previsión de Agustín Reguera e o irregular e chapuceiro da súa xestión, advertindo incluso de posibles consecuencias para o concello” puntualizando tamén o desafortunado de que “nun momento como actual, o equipo de goberno mostre unha falta de empatía tal, que ten semellante débeda e nun limbo á empresa que coida dos e das veciñas que máis o necesitan”.
E rematou advertindo que “ante a gravidade da situación e cun informe dos servizos municipais tan duro como o de intervención, ou ben dende a Alcaldía, ou ben dende a Concellaría de Servizos Sociais, alguén debería dar explicación e asumir responsabilidades”.