Nova sanción a Soutomaior por negar documentación sobre verquidos á ría

Nos últimos anos o Concello de Soutomaior tivo que facer fronte a varias sancións por motivos relacionados con verquidos á ría de Vigo.

O Concello de Soutomaior foi novamente sancionado por Augas de Galicia. Nesta ocasión, a sanción débese a que o Goberno local negouse a contestar un requerimento deste organismo sobre unha denuncia por delito medio ambiental de verquidos na praia da Xunqueira de dito municipio.

Neste sentido, o Concello presentou alegacións a esta sanción mais estas foron rotundamente rexeitadas por Augas de Galicia, sinalando que o Concello non estaba a cumprir coa súa obriga de contestar os requirimentos que se lle envían polos organismos superiores e encargados da inspección de delitos ambientais, motivo polo que se lle impuxo una nova sanción de 500 euros a Soutomaior por desobedecer dito requirimento.

 
A este respecto, o portavoz municipal do BNG, Manu Lourenzo, sinalou que “ningún veciño entende que un goberno que debería estar centrado na defensa do noso medio ambiente sexa condenado unha e outra vez por contaminar a ría, e que por se isto non fose grave dabondo, oculten documentación que teñen a obriga de enviar. Estas multas son un claro exemplo dos niveis de abandono e de esgotamento do goberno local. Soutomaior non merece isto e dende o BNG temos claro que un novo Soutomaior comprometido coa ría e co medio ambiente será unha realidade máis antes que despois”.