Malestar no sector do automobilismo pola anulación do Rally Concello de Soutomaior
Pese o anuncio do pasado 26 de maio, no que o Concello de Soutomaior manifestaba que dadas as demandas do sector automobilístico celebrarían a “I Subida do Verdugo – Concello de Soutomaior”. Agora é este mesmo sector o que está en pe de guerra, dada a suspensión por parte do Concello da proba ao non conseguir ter a documentación en regra a 2 semanas da súa celebración.
Dende o sector critican que tras anunciar o evento en todos os medios, o concello comezara coas inscricións e cobros sen ter todo en regra, que os inscritos se tiveran que enterar por unha das escuderías promotoras a dúas semanas da suposta celebración do evento ou do feito que lles aseguraran a celebración deste, renunciando os pilotos a outras probas para darlle prioridade a unha subida que agora non se vai facer.
Esta sensación de frustración, tamén é compartida por parte da hostalaría local, que se ben no seu día foi contactada polo Concello de Soutomaior para anunciarlles a subida e xa tiñan varias reservas e contratacións feitas para eses días, tiveron que enterarse polos propios pilotos que reservaran da anulación do evento, xa que manifestan non ter recibido ningunha notificación por parte do ente municipal.
Dende o BNG manifestan a súa incredulidade, en palabras do seu voceiro municipal Manu Lourenzo “o dano que se lle acaba de facer á imaxe do concello de Soutomaior dentro do sector automobilístico por parte do goberno de Agustín Reguera é irreparable, se ben xa pode ser criticable que ante as demandas do sector durante décadas anuncien a primeira subida despois de 28 anos de agarda, agora demostren novamente a súa incapacidade e deixan a credibilidade do concello completamente cuestionada”.