A Xunta recoñece que a Comunidade Educativa e o BNG tiñan razón e vese na obriga de comezar a cubrir os patios do IES de Soutomaior.
O BNG celebra a instalación da nova pequena cuberta, mais é insuficiente. A falta de espazo tamén afecta á matriculación do novo alumnado e xa a propia dirección do IES e o Consello Escolar demandaron a construcción de dúas aulas máis para poder dar cabida a esta demanda no vindeiro curso.
O voceiro municipal do BNG, Manu Lourenzo, explica que o IES Soutomaior xa creara debate co seu proxecto de construción, elaborado pola Xunta en setembro de 2015. A primeira proposta presentaba un proxecto de centro de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) que contaba con doce unidades e cunha superficie total de 4.150 metros cadrados.
Logo das protestas do BNG no pleno de Soutomaior e no Parlamento Galego, a Xunta optou polas 16 unidades para que no edificio tamén se puidese impartir o nivel de Bacharelato. Educación accedeu a incrementar o número de unidades, mais mantendo a superficie inicial. Agustín Reguera, no canto de velar polos intereses da veciñanza e da mocidade, aceptou o proxecto sen criticalo, só coa intención de poder cortar cinta e vender como un logro a o que foi a perda dunha oportunidade para o ensino de Soutomaior.