O goberno de Soutomaior aproba unha organización de goberno para traballar polo impulso do concello

Fachada do concello
Fachada do concello
O goberno de Soutomaior aproba unha organización de goberno para traballar polo impulso do concello

O goberno de Soutomaior aprobou este martes a organización do goberno municipal, a estrutura e dinámicas de traballo do Consistorio durante os vindeiros catro anos, co firme compromiso de traballar polo impulso de Soutomaior como xa leva facendo desde o primeiro momento.

O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, explicou durante o transcurso do pleno que o BNG “tivo en todo momento a man aberta co grupo que perdeu as eleccións, o PP, para facilitar o labor de oposición en todo o que sexa posible, a pesar de que a vontade do Partito Popular nunca foi esa”.

 “Esa man segue tendida para negociar a periodicidade dos plenos, os horarios, as comisións e calquera outro asunto relacionado coa organización municipal”, reiterou Lourenzo, quen destacou que “é algo que non se fixo nos últimos 28 anos, sentarse a negociar co resto de formacións da corporación; pero que nós si imos facer, xa que temos un firme compromiso co dialogo, a transparencia e a democracia, imos ter a vontade clara de chegar a acordos sempre que sexa en beneficio de Soutomaior”.

Sobre os gastos de goberno, o alcalde explicou que o número de dedicacións exclusivas será o mesmo que as que tiña o anterior goberno, dúas exclusivas e unha parcial, coa única diferenza que anteriormente unha era en persoal de confianza e estaba ocupada por un concelleiro actual dos populares, e agora, a segunda dedicación a ocupará un concelleiro.

En canto á cantidade, haberá un lixeiro incremento no gasto salarial, 5.000 euros anuais, pasando de 82.000 a 87.000 euros, un 7% máis que o anterior goberno, pero lonxe da subida do 14% do IPC de 2019 a 2023. O salario asignado ao alcalde será exactamente o mesmo que cobra no seu posto de traballo profesional, e inferior ao do anterior alcalde.

Pese a iso, a reducción do número de comisións informativas, que pasarán de 6 a 2, suporá un aforro final no gasto total de goberno, incluindo salarios e indemnizacións por asistencias a órganos colexiados, respecto ao do goberno anterior.

Ante a negativa do PP a negociar unha proposta consensuada nin a aprobar as propostas do goberno de Soutomaior para a organización do goberno, Manu Lourenzo mostrou o seu abraio porque “os concelleiros do PP voten en contra e mostren a súa disconformidade ante as mesmas cuestións que defendían cando eles formaban parte do goberno, cuestións que o BNG non criticou, se pensaran no beneficio de Soutomaior, exixirían traballo, buscarían chegar a acordos e non usarían o voto do non a todo como algo preventivo”.

Por outra parte, o alcalde de Soutomaior denunciou que “o último goberno do PP foi o máis caro da historia de Soutomaior: perdeu 400.000 euros do REACPON hai dous anos, deixou marchar outros dous millóns de euros dos fondos europeos para a construción da nova depuradora, perdeu case 400.000 euros do PON 20-30 que o goberno de Soutomaior está a recorrer para recuperalos e agora é posible que o Concello perda 600.000 euros para o colexio da Oliveira. E todo porque o antigo goberno, no canto de traballar, presentaba proxectos chapuceiros que non cumpriron os requisitos mínimos e que supoñen unha perda de case 4 millóns de euros en dous anos para a veciñanza de Soutomaior. As dedicacións destínanse a que a veciñanza, que votou sabiamente por un cambio de rumbo, non volva a padecer este tipo de situacións.”.

Tras o pleno, Manu Lourenzo insistiu en que o Goberno segue sempre aberto a negociar coa oposición calquera cuestión que poida repercutir positivamente en Soutomaior. “A veciñanza de Soutomaior merece máis que iso, e no goberno de Soutomaior traballamos e imos traballar para que iso sexa posible. Sempre negociaremos con mentalidade aberta co PP e tendemos a man a chegar a acordos. Só lle pedimos ao PP que asuma que perdeu as eleccións, que os tempos de pasar o rodillo remataron, que non se instalen no non a todo e que fagan unha oposición constructiva e en beneficio da veciñanza do concello que escolleu de maneira contundente ao actual goberno de Soutomaior”.

O goberno de Soutomaior aproba unha organización de goberno para traballar polo impulso do concello