O BNG de Soutomaior asistirá á manifestación pola sanidade pública para esixir unha atención sanitaria digna para a veciñanza
Os nacionalistas poñen a disposición da veciñanza un autobús de balde para que toda a xente que queira poida asistir á manifestación
O BNG de Soutomaior anunciou este luns que estará presente na manifestación pola sanidade pública que terá lugar este domingo, 4 de febreiro, en Santiago de Compostela. A manifestación, que sairá ás 12:00 horas da Alameda de Santiago, está convocada pola plataforma SOS Sanidade Pública para esixir unha atención sanitaria pública digna e de calidade e a fin dos recortes impulsados durante anos polo PP na Xunta.
Neste sentido, o BNG de Soutomaior, xunto coa veciñanza do noso concello, leva anos a desenvolver numerosas iniciativas para esixir melloras no centro de saúde de Arcade. Son numerosas as manifestacións e concentracións desenvoltas polo BNG para esixir máis persoal sanitario e máis recursos en Soutomaior. A última delas tivo lugar en decembro de 2023, cando centos de persoas se reuniron ante o centro de saúde de Arcade para demandar unha sanidade pública digna.
Ademais, o BNG de Soutomaior tamén leva anos desenvolvendo iniciativas no Concello e no Parlamento galego para esixirlle á Xunta de que deixe de recortar na sanidade de Soutomaior, así como presentar emendas durante varios anos aos Orzamentos da Xunta para esixir esas melloras. No último ano, da man do Goberno de Soutomaior, mantivéronse e conversas co Sergas e coa Xunta para que se dote de máis persoal e recursos a sanidade de Soutomaior, algo que o BNG seguirá demandando ata que sexa unha realidade.
O responsable local do BNG, José Costas, sinalou que “o domingo estaremos na manifestación pola sanidade pública porque no noso concello sabemos ben o que son os recortes do PP da Xunta na sanidade de Soutomaior. Temos numerosos exemplos destes recortes, como o feito de levar máis de un ano coa pediatra de Vilaboa atendendo un par de tardes á semana en Soutomaior porque aquí a Xunta non cubriu a baixa da anterior facultativa”.
Para facilitar a asistencia á manifestación, Costas sinalou que “dende o BNG facilitamos un autobús de balde para que toda a veciñanza que o desexe poida ir a Santiago a berrar ben alto e forte que Soutomaior está farta dos recortes do PP na sanidade. Aquelas persoas que queiran reservar praza poden poñerse en contacto con nós a través de calquera persoa de referencia do BNG dos seus barrios ou do número 661333937”.
Ademais, o responsable local do BNG sinalou “a importancia de que haxa un cambio na Xunta canto antes para acabar con esta política de recortes na sanidade. O PP xa demostrou que non está interesado no benestar da veciñanza de Soutomaior, e é por iso que é fundamental que Ana Pontón sexa a próxima presidenta da Xunta de Galiza. Cada voto para Ana Pontón o vindeiro 18 de febreiro é un voto a favor da sanidade pública do noso País e de Soutomaior”, concluíu José Costas.