O BNG de Soutomaior esixe solucións inmediatas aos problemas de transporte escolar no IES de Soutomaior
Manu Lourenzo levará o tema ao pleno municipal e ao Parlamento galego despois de que o aumento de matrícula no instituto derivase en falta de prazas para o transporte escolar
O BNG de Soutomaior esixe solucións inmediatas aos problemas de transporte escolar no IES Soutomaior que afectan ao alumnado das paradas de Pierres e O Calvario, desprovisto deste servizo básico, o que obriga á rapazada a camiñar case dous quilómetros cada día dende as súas casas. Unha situación insostible en canto a entrada no inverno traia o mal tempo e unha redución moi considerable das horas diurnas, o que obrigaría aos menores de idade a camiñar fora do núcleo urbano nunhas condicións intolerables.
O portavoz municipal, Manu Lourenzo, xunto co resto da corporación nacionalista, leva anos a denunciar que o IES de Soutomaior ten carencias importantes dende o mesmo momento da súa inauguración. “Estamos a falar dun concello que non tivo instituto ata hai 3 anos a pesar da demanda unánime da veciñanza”, explica Lourenzo, “e no que a Xunta tratou ata a o último minuto de facer un proxecto de IES con só ensinanzas da ESO”.
En varios plenos, tanto ordinarios como extraordinarios, o portavoz foi sinalando as deficiencias estruturais e futuras que traería consigo a construción dun instituto “que era necesario, pero non nas condicións impostas polo Goberno galego”. Esas deficiencias, centradas sobre todo na falta de espazos -o IES conta con 12 unidades no canto das 16 recomendadas para ESO e Bacharelato- ocasionaron unha falta de aulas e de espazos básicos para o correcto desenvolvemento educativo.
Dende o BNG de Soutomaior obsérvase como todas e cada unha das situacións que se denunciaron e se sinalaron ao longo dos anos se foron cumprindo sen que a Xunta ou o PP de Soutomaior fixesen nada por evitalo. “A depredación da Consellería de Educación e a servidume do goberno local foron as que nos levaron a unha situación insostible”, critica Manu Lourenzo, “na que os grandes damnificados son, coma sempre, os alumnos e os mestres”.
Petición rexeitada pola consellería
O aumento da matrícula no instituto para Soutomaior -que o BNG predixo que ocorrería, levou ao IES a solicitar a ampliación de praza de transporte público nas liñas de Arcade, xa que coa capacidade actual non podería atender esta demanda. Porén, esta petición foi rexeitada pola Consellería de Educación, que defende que o instituto se atopa dentro do núcleo urbano.
Para Manu Lourenzo, “esa interpretación da Xunta é errónea, xa que o Plan Xeral de Ordenación Municipal deixa claro que o IES está fóra do núcleo urbano”. Cómpre sinalar que a normativa establece no seu artigo primeiro, referido ao ámbito de aplicación: “Será usuario lexítimo do transporte escolar gratuíto o alumnado cuxo domicilio se encontre fóra do núcleo urbano no que radique o centro escolar, en calquera caso, a unha distancia deste superior a 2 km, calculada utilizando o itinerario máis directo, sen desvíos e rodeos innecesarios”.
O portavoz municipal, que asegura que o Executivo autonómico “da prioridade ao criterio económico por enriba dos dereitos do alumnado”, levará o tema ao pleno municipal, no que se pedirá que se tramite pola vía de urxencia, e ao Parlamento galego, para demandar á Consellería de Educación que considere usuarios lexítimos do transporte escolar gratuíto aos usuarios das paradas de Pierres e o Calvario.