O PP rexeita que o pleno extraordinario sobre a sanidade en Soutomaior se celebre con público na Casa da Cultura e a unha hora consensuada

IMG-20221120-WA0038
Manifestación pola sanidade de Soutomaior
O Goberno local, que se viu na obriga de convocar este pleno pola solicitude do BNG, esgotou os prazos legais e este celebrarase o próximo día 19, ás 13h, no salón de plenos do Concello
O PP rexeita que o pleno extraordinario sobre a sanidade en Soutomaior se celebre con público na Casa da Cultura e a unha hora consensuada

O BNG de Soutomaior recibiu este martes a notificación do pleno extraordinario solicitado pola formación nacionalista para abordar a preocupante situación sanitaria no concello. Dende o BNG solicitaran que este pleno se realizase na Casa da Cultura Rexina Míguez e a unha hora consensuada, co obxectivo de que a veciñanza puidese acudir a escoitar da voz dos seus representantes políticos que medidas se poñen enriba da mesa, ademais de para dar unha nova mostra de dignidade e transmitir o seu enfado e preocupación pola situación actual, na que teñen que esperar até 15 días para ter unha cita do centro de saúde, ou que non haxa pediatra no que queda de ano.

Porén, o Goberno local decidiu rexeitar a solicitude do BNG de Soutomaior, e o pleno extraordinario realizarase finalmente na casa do Concello, nun salón de plenos que, dende a instalación do equipo para gravar as actas, non permite o acceso de público.

Para o portavoz municipal do BNG Soutomaior, Manu Lourenzo, “non por ser menos sorprendente deixa de ser indignante que o PP mostre novamente o pouco que gusta da democracia e da participación cidadá na vida política do Concello. Agustín Reguera saca fotos co conselleiro de Sanidade, quen leva meses a deteriorar a atención sanitaria de Soutomaior,  mentres evita saír cunha veciñanza farta e que non aguanta máis que xoguen coa súa saúde”.

Dende o BNG tamén lamentan que “convocando o pleno o último día que lle permite a lei, o 19 de decembro e ás 13h , Agustín Reguera demostra o nulo interese e preocupación que ten ante a grave situación e risco que está a padecer a veciñanza de Soutomaior” e matizan que “con esta decisión, Agustín decidiu poñerse do lado da Xunta e do seu partido e darlle as costas a Soutomaior e a súa veciñanza”.

“Se Agustín Reguera e o PP pensan que así van calar a veciñanza de Soutomaior, demostran que non a coñecen”, asegurou Lourenzo, que lembrou que en menos de dous meses, os veciños e veciñas de Soutomaior “saíron xa dúas veces ás rúas para reclamar o que lles corresponde: unha sanidade pública e de calidade. Non foron as primeiras nin serán as últimas, a veciñanza de Soutomaior é un exemplo para todo o país pola súa loita na defensa do seu dereito a unha saúde e sanidade que lle están furtando”.

Lourenzo subliñou que o BNG de Soutomaior seguirá traballando para exixir máis recursos e máis persoal sanitario, tanto no actual centro de saúde como no que se proxecta construír “Nas rúas, nas institucións e nas urnas, alí onde a veciñanza de Soutomaior reclame os seus dereitos estará o BNG para apoiar unha poboación que xa leva demasiados anos aguantando o desleixo PP na Xunta, e lamentamos a complicidade do Concello con eles, con”, concluíu Manu Lourenzo.

O PP rexeita que o pleno extraordinario sobre a sanidade en Soutomaior se celebre con público na Casa da Cultura e a unha hora consensuada