O BNG de Soutomaior solicita un pleno extraordinario na Casa da Cultura pola situación da sanidade no concello
Manu Lourenzo asegurou que a veciñanza ten dereito a saber o que acontece nos plenos e poder participar de primeira man na defensa da Sanidade Pública de Soutomaior.
Despois da multitudinaria manifestación que o pasado domingo percorreu as rúas de Arcade -na que un milleiro de veciños e veciñas volveron reunirse para protestar pola intolerable e sistemática falta de persoal médico no centro de saúde-, o BNG de Soutomaior vén de solicitar a realización dun pleno extraordinario na Casa da Cultura Rexina Míguez para tratar os problemas na atención sanitaria, derivados de que o PP na Xunta non cubra as vacacións e baixas do actual persoal facultativo.
O portavoz municipal do BNG e deputado no Parlamento galego, Manu Lourenzo, exixiu unha solución definitiva para unha cuestión que está pondo en grave risco toda a veciñanza. “Basta xa de poñerse de perfil e apoiar con silencios cómplices propostas absurdas como a de cubrir con persoal de enfermería as prazas de médicos de Atención Primaria vacantes, a poboación de Soutomaior precisa médicos, e os precisa xa”, salientou Lourenzo.
Para Lourenzo, Agustín Reguera “leva demasiados anos calando ante os tesoirazos do PP na sanidade de Soutomaior. Mentres el saca fotos co conselleiro de Sanidade, culpable da situación que estamos a padecer, a veciñanza de Soutomaior sae á rúa para reclamar que lle devolvan o dereito a unha atención digna no seu concello e deixen de xogar coa súa saúde”.
Lourenzo subliñou que “non se trata dunha cuestión do BNG, é unha demanda unánime de toda a poboación de Soutomaior, que ve como día si e día tamén non hai médicos no centro de saúde, tardando a veces até máis de dúas semanas en ter unha cita médica; sen pediatras e coas liñas de teléfono saturadas.
“Solicitamos ademais que o pleno extraordinario se celebre na Casa da Cultura porque no BNG de Soutomaior consideramos imprescindible contar coa forza da veciñanza en todos os espazos posibles, para que na Xunta escoiten alto e claro que Soutomaior está farto desta situación e que vai a chegar até onde faga falta para que se solucione”, concluíu Manu Lourenzo.