Novo colapso sanitario na Área Sanitaria de Pontevedra – O Salnés que afecta a Soutomaior
BNG de Soutomaior
10 de xaneiro de 2023 (02:27 h.)
Foron varios os veciños desta localidade os que tiveron que agardar durante horas nas urxencias de Montecelo ao carecer os PAC de Baltar, O Grove, Caldas e A Parda de médicos e colapsar as urxencias hospitalarias.
O BNG de Soutomaior ven de denunciar un novo colapso que afecta á xa deteriorada sanidade pública do Concello. Desta volta, o colapso non se fixo notar só no centro de Arcade, que sigue dando citas a máis dunha semana no mellor dos casos e sen contar con persoal de pediatría pola mañá, cubrindo só unha tarde á semana e dando cita con máis de 10 días dende a súa solicitude, senón que se trasladou tamén as urxencias hospitalarias.
Nos últimos meses, non só a formación nacionalista senón tamén o Colexio de Médicos de Pontevedra e varios sindicados de facultativos denunciaron a situación de precariedade á que estaban sometidos e que estaba repercutindo negativamente na súa saúde e na dos seus pacientes, agora, este mesmo persoal, xunto coa veciñanza das localidades afectadas, denuncian que a situación neste inicio de ano está sendo dramática e están tendo que soportar situacións como as vividas este pasado día 8.
Logo de varias días en precario, o día 8, até catro PAC da área sanitaria estiveron sen ningún médico, sendo a atención realizada por persoal de enfermaría, e derivando os casos que non podían atender, a súa maioría, ás urxencias de Montecelo que sufriron o colapso denuncia polo propio persoal facultativo.
Esta situación tamén foi denunciada por parte da veciñanza afectada, neste caso, o portavoz do BNG de Soutomaior, Manu Lourenzo trasladou que “foron distintos os veciños que nos trasladaron a triste situación que viviron o día 8, tendo que desprazarse dun centro a outro ante a falta de atención e que agardar durante horas dado o colapso que sufrían as urxencias, con enfermos polos pasillos e un persoal que se miraba desbordado ante unha situación que por desgraza non é nova”.
O voceiro nacionalista tamén lamentou que “mentres a veciñanza sufre, o PP, tanto na Xunta como no Concello, fai oidos xordos, primeiro uns quitando os médicos do PAC e cubrindo os seus postos con enfermería, algo que xa foi denunciado polo Colexio de Médicos de Pontevedra, que rompeu relacións coa Xunta, e despois coa complicidade de Agustín Reguera, que se posiciona co seu partido e en contra da veciñanza de Soutomaior, defendendo a aqueles que queren facer negocio coa saúde da veciñanza de Soutomaior e negándose a apoiar que se cubran as prazas dos PAC con médicos e nunca con enfermeiras”.
“Mentres Alfonso Rueda dicía que a sustitución con enfermeiras ia ser puntual, e Agustín Reguera negaba que dende o goberno galego isto se fose facer, a realidade é ben teimuda e por desgraza temos que ver cal é a realidade do día a día, no que no noso centro non temos asistencia pola mañá, no PAC non temos médicos e nas urxencias atopamos o colapso absoluto” e rematou afirmando que “dende o BNG témolo claro, fronte os que queren médicos na privada e enfermeiras na pública, fronte os que queren facer negocio coa saúde da veciñanza de Soutomaior, aquí sempre van a atopar un pobo forte, unido e combativo, que non cala ante as inxustizas e defende o seu dereito a unha sanidade pública e de calidade”.