O BNG de Soutomaior retoma a recollida de sinaturas en apoio da sanidade pública galega
Despois do éxito da recollida de firmas do pasado mes de agosto, o BNG de Soutomaior volverá recoller sinaturas en apoio da sanidade pública galega, maltratada sistematicamente durante anos polo PP. Esta segunda recollida de firmas, ao igual que a primeira forma parte da campaña lanzada polos nacionalistas para levar ao Parlamento galego unha Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) impulsada pola plataforma SOS Sanidade Pública, da que o BNG forma parte. Será este luns 19 e mércores 21 de setembro, durante a mañá a partir das 9 horas, diante do centro de saúde de Arcade.
Esta ILP pon no foco a situación de precariedade absoluta na que se atopa o Servizo Galego de Saúde, e sinala o seu único e directo responsable: o PP, que leva 13 anos aplicando políticas de recorte e austeridade, tanto para os profesionais sanitarios como para os pacientes, as verdadeiras vítimas dun sistema sanitario público que cada vez mostra máis carencias, en beneficio dunha sanidade privada que a Xunta defende por enriba da poboación galega.
No caso de Soutomaior, a veciñanza leva anos enfrontándose a unha atención sanitaria cada vez de menor calidade. O insuficiente número de profesionais sanitarios e o peche de espazos como o consultorio de Romariz viuse este ano agravado, cando o concello quedou sen pediatra durante todo xullo, ou coa perda dun dos tres médicos que pasan consulta en Soutomaior até o vindeiro 16 de setembro. Todo isto ante o silencio cómplice do alcalde do PP, Agustín Regueira, e as continuas denuncias do portavoz municipal do BNG de Soutomaior, Manu Lourenzo.
Para darlle a volta a esta situación, o BNG defende aumentar o orzamento destinado á Atención Primaria até chegar á media estatal; incrementar a estabilidade dos cadros de persoal do Sergas; poñer en marcha un Plan de retorno, captación e fidelización de profesionais sanitarios na Galiza; e a incorporación de categorías novas ao sistema sanitario público galego.