O centro de saúde de Soutomaior sofre un novo colapso e deixa sen atención médica a veciñanza durante máis de 2 semanas

O BNG de Soutomaior vén de constatar un novo colapso do centro de saúde do concello, saturado unha vez máis pola alarmante falta de profesionais, que deixa a veciñanza sen unha atención médica digna e de calidade.

O portavoz municipal do BNG, Manu Lourenzo, explicou que varios veciños e veciñas do concello puxéronse en contacto coa formación nacionalista para denunciar que a aplicación do Sergas só lles permite pedir cita “para dentro de dúas semanas”. Lourenzo criticou que, “cando ocorreu no verán, Agustín puxo de escusa o período de vacacións, pero isto demostra que falamos dunha precariedade constante, consecuencia das políticas do ‘tesoirazo’ do PP na Xunta e do desleixo e inacción do PP en Soutomaior, cun Agustín Reguera á cabeza que prefire apoiar o seu partido antes que a veciñanza de Soutomaior”.

O candidato do BNG á Alcaldía de Soutomaior engadiu que a veciñanza tamén denuncia a falta de atención telefónica no centro de saúde ante o colapso das liñas. “Chaman e chaman durante horas sen recibir resposta”, explicou Lourenzo. “Os recortes do PP na sanidade en Soutomaior obrigan a pais e nais con fillos e que teñen os seus traballos ou á poboación anciá, con menos posibilidades para desprazarse, a ter que ir até Pontevedra para que os atendan, logo de longas agardas nunhas urxencias tamén colapsadas”, lamentou.

Lourenzo sinalou que Soutomaior precisa que se cubran as vacantes de inmediato, e que de nada serve un novo centro de saúde se este carece dun número mínimo de sanitarios. “De nada serve que o novo centro de saúde sexa máis grande se dentro está baleiro de médicos e facultativos. Non precisamos fotos de vergoña como a de Agustín Reguera co conselleiro de Sanidade, que de maneira tan infame trata a nosa veciñanza. O que precisamos son sanitarios e que o PP deixe de facer negocio coa saúde e os dereitos da veciñanza de Soutomaior”, concluíu.