O BNG de Soutomaior convoca unha nova manifestación o 20 de novembro en defensa da Sanidade Pública
A manifestación está convocada para ás 12:30, con saída dende o cruce de Pierres e remate fronte ao Centro de Saúde.
Dende a formación nacionalista convocan esta manifestación co lema “Soutomaior Berra pola Sanidade Pública” e convidan toda a veciñanza a saír á rúa con potas, chiflos ou calquera obxecto que poida facer ruído “para que nos escoiten alto e forte, que a veciñanza de Soutomaior non vai volver permitir que fagan negocio coa súa saúde”.
En palabras do voceiro municipal do BNG, Manu Lourenzo, “a situación da sanidade en Soutomaior, que sofre un desgaste continuo dende hai anos, xa comeza a ser insostible. Levamos un mes cun só médico no centro de saúde no mellor dos casos. Soutomaior non pode aguantar máis nesta situación e por iso convidamos toda a veciñanza a sair á rúa este domingo e berrar pola sanidade pública de Soutomaior”.
“Non podemos aturar máis recortes por parte da Xunta, nin máis silencios cómplices do Goberno de Agustín Reguera, dende o BNG témolo claro, na defensa da saúde das nosas veciñas e veciños sempre se van a atopar con nós, por iso temos claro que, ante os recortes e a complicidade, a veciñanza de Soutomaior vai saír a rúa como xa fixo outras tantas veces, a berrar e defender o que é seu, o dereito a ter unha sanidade pública, digna e de calidade no seu concello” concluíu Lourenzo.