O BNG acada un acordo para exixir á Xunta unha nova pasarela na Montesiña antes de 2023

O Grupo Municipal do BNG de Soutomaior alcanzou un acordo no pleno do mes de xullo para exixir á Xunta da Galiza a construción dunha nova pasarela de madeira na Montesiña antes de que remate o ano 2022.
O BNG acada un acordo para exixir á Xunta unha nova pasarela na Montesiña antes de 2023

O portavoz municipal do BNG de Soutomaior, Manu Lourenzo, expuxo que a necesidade de reabrir esta zona de paseo nun dos barrios que une os núcleos de Arcade e Soutomaior é de suma importancia para Soutomaior por varios motivos. En primeiro lugar, “pola seguridade dos rapaces que estudan no Santiago Apóstolo e dos seus pais”. “Non pode ser que, no mesmo lugar no que está situado un centro educativo e unhas instalacións deportivas municipais, unha das principais vías de acceso a pé leve dous anos pechada polo seu estado deplorable, é un risco para a seguridade viaria do que PP non se fixo cargo en todo este tempo”, aseverou.

En segundo lugar, o portavoz destacou a mala imaxe que dá de Soutomaior esta pasarela, especialmente para os visitantes e turistas. “Non pode ser que un concello coa potencialidade de Soutomaior presente unhas infraestruturas nun estado tan deficiente. É indigno para a veciñanza do concello”, engadiu.

Pasarela da Montesiña

Neste sentido, Lourenzo explica que con este acordo impulsado polo BNG “pode comezar a corrixirse unha inxustiza para coa veciñanza, non só da Montesiña, senón que de todo Soutomaior”. “Todos coñecemos esa pasarela, a maioría pasamos no coche ou camiñando a carón dela varias veces á semana, e é evidente que o seu estado non se pode consentir nun concello que sexa minimamente serio”, subliñou. O portavoz municipal insistíu en que “estaremos vixiantes de que se cumpra o acordado, porque é unha cuestión de respecto a toda a veciñanza de Soutomaior. En caso de que non se cumpra, adoptaremos as medidas oportunas para seguir a reivindicar unha demanda que nos traslada cada día moita veciñanza”.

O BNG acada un acordo para exixir á Xunta unha nova pasarela na Montesiña antes de 2023