A Xunta anula varias citas médicas ao non substituír unha doutora de baixa no centro de saúde de Soutomaior
O portavoz municipal do BNG de Soutomaior, Manu Lourenzo, demandou o envío dun sanitario substituto
A Xunta da Galiza vén de decidir anular todas as citas médicas dunha das doutoras que exercen no centro de saúde de Soutomaior, despois de rexeitar que o Servizo Galego de Saúde (Sergas) enviase unha facultativa substituta para suplir os días que non poida desprazarse até o centro de saúde.
O portavoz municipal do BNG de Soutomaior, Manu Lourenzo, chamou a Xunta a realizar un exercicio de responsabilidade e dotar dun sanitario ou sanitaria substituto que se faga cargo de todas as citas anuladas e poida manter o ritmo asistencial que se viña a dar até o de agora. Neste sentido, lembrou que o BNG de Soutomaior leva anos a traballar para exixir unha atención sanitaria en Soutomaior que “garanta a dignidade da veciñanza e os seus dereitos básicos”.
Lourenzo cualificou de “intolerábel” que a Xunta vaia manter os pacientes en agarda até a reincorporación desta facultativa. “Non pode permitirse que a veciñanza teña que quedarse nas súas casas ante calquera doenza ou consulta, porque a Xunta se negue a substituír a doutora que teñen asignada”.
Se algo demostrou a pandemia é a importancia que ten contar cunha atención primaria forte”, explicou, “e en Soutomaior hai anos que a levan maltratando, primeiro pechando o consultorio de Romariz e agora non substituindo as baixas en Arcade”. Neste sentido, o portavoz volveu exixir que se dote dun cadro de persoal sanitario proporcionado a Soutomaior. “De nada serve que se vaia construír un novo centro de saúde máis grande, que consideramos necesario, se non se dota do número de sanitarios e sanitarias mínimo para garantir unha atención médica digna”, concluíu Manu Lourenzo.