Soutomaior segue agardando pola nova depuradora 4 anos despois
Pese a que Agustín Reguera anunciou esta obra no 2019, na actualidade segue sen concretarse e non existe orzamento para ela nas contas municipais, nin tampouco nas da Xunta.
No ano 2019 e despois de que o Concello de Soutomaior fora varias veces sancionado por vertidos contaminantes á Ría de Vigo e de que se constatara que a actual EDAR de Arcade non cumpre coa normativa europea, Agustín Reguera anunciou que se desmantelaría a depuradora e se construiría unha nova adaptada á normativa actual.
Catro anos despois, Soutomaior segue sen proxecto para esta nova estación depuradora, a pesar de que este fora licitado no 2020 e tivera un prazo de redacción de 13 meses, xa que de non estar rematada é certificada antes do 30 de xuño do 2024 perderíanse os 2 millóns de euros dos fondos europeos .
Ante esta situación, a finais do pasado ano, durante a negociación dos orzamentos da Xunta, o deputado e portavoz do BNG en Soutomaior Manu Lourenzo presentou unha emenda para que este proxecto e obra fora recollido nas contas e se acelerasen todos os trámites, pero dita emenda contou coa negativa do Partido Popular e non saíu adiante.
Lourenzo manifestou que “a ría de Vigo é o sustento de moitas familias de Soutomaior e un espazo protexido, non é de recibo que teñamos un concello que ante unha situación de contaminación continua e de pago de sancións por infraccións medioambientais, non mova nin un só papel e leve 4 anos paralizado e agardando, mentres os problemas crecen e as solucións non chegan”.
“A depuradora non cumpre coa normativa, a rede de saneamento segue sen separación de pluviais e fecais, a ría soportando as consecuencias desta situación, o noso sector marisqueiro tendo que ir a traballar fora, mentres o Partido Popular sigue pasivo ante esta situación e a ameaza de perder 2 millóns de euros de fondos europeos, seguir cun goberno así é inasumible por calquera persoa que lle queira a noso concello e pretenda vivir e traballar nel”, concluíu Lourenzo.