Soutomaior non creará o organismo proposto polo BNG para a promoción dos seus viños

A creación de dito organismo foi rexeitada polo PP ao considerar que os viños do concello están suficientemente promocionados e isto só sería un “chiringuito”

Soutomaior non creará o organismo proposto polo BNG para a promoción dos seus viños

O BNG de Soutomaior defendeu no pleno do concello a creación dun organismo por ambos os partidos do Consistorio, adegueiros e persoas locais vinculadas ao sector vinícola, para poder traballar conxuntamente en reunións periódicas naquelas demandas e iniciativas que se consideraran beneficiosas, así como facerlles seguimento.

Esta iniciativa, que o BNG de Soutomaior remarca que foi consensuada cos adegueiros locais, foi rexeitada polo PP e o seu líder Agustín Reguera non dubidou en definir dito organismo como “chiringuito”, defendendo que o sector conta con apoio, xa que no 1996 el mesmo participou de reunións para que Soutomaior  formase parte da denominación de orixe Rías Baixas e que a proba da gran promoción que teñen é que, a día de hoxe, os adegueiros apenas contan con viños para facer fronte á demanda desta última parte do ano.

Pola súa banda, o portavoz municipal do BNG Manu Lourenzo lamentou que “Agustín Reguera rexeite esta iniciativa consensuada cos adegueiros só por que a presente o BNG. A defensa dos nosos viños debería unirnos e permitir a todos os actores implicados que, cun produto de excelente calidade como temos, leven o nome de Soutomaior con orgullo polo mundo adiante”.

“Isto non é un capítulo de ‘Cuéntame’, non podemos quedarnos estancados no que se fixo hai 27 anos, temos que pensar Soutomaior en grande, escoitar as demandas do sector, que pide unha máis e mellor promoción para dotar de maior valor engadido o seu produto, ou que se lles axude a ter a disposición terreos e dereitos a través dun ‘banco de dereitos e terras’ que poña a funcionar terras sen cultivar, axudando a  ter montes e terreos limpos e a producir, e que o que hai uns anos só ardía, no futuro xere emprego e riqueza”, concluíu Lourenzo.

Soutomaior non creará o organismo proposto polo BNG para a promoción dos seus viños