Soutomaior mobilízase en defensa da sanidade pública na histórica manifestación de Santiago

O BNG considera un "éxito" a participación e reivindica "con orgullo" que a veciñanza de Soutomaior levante a voz ante os recortes do PP na Xunta e o silencio cómplice do PP de Soutomaior
Soutomaior mobilízase en defensa da sanidade pública na histórica manifestación de Santiago

Centos de veciños e veciñas de Soutomaior acudiron este domingo á histórica manifestación de Santiago de Compostela para defender a sanidade pública galega. Precisamente, o BNG de Soutomaior facilitara de maneira gratuíta dous autobuses para que a veciñanza puidese acudir á mobilización. Ademais, a militancia nacionalista do concello tamén puxo á disposición os seus coches para aquelas persoas que non puidesen entrar no bus. 

Xa en Santiago, os centenares de veciños e veciñas desprazados desde Soutomaior berraron ben forte e alto que están fartos da situación de precariedade sanitaria que levan anos a vivir, e que nos últimos meses se agravou de maneira considerable. Sen citas médicas até marzo e sen atención pediátrica pola falta de profesionais, a veciñanza desenvolveu un exercicio de dignidade colectiva para reivindicar que se respecten os seus dereitos e que o PP na Xunta deixe de levar a cabo unha política de recortes sistemáticos na sanidade pública. 

Ao remate da histórica mobilización, o portavoz municipal do BNG de Soutomaior e candidato á Alcaldía, Manu Lourenzo, non dubidou en agradecer á veciñanza desprazada até Santiago. Tamén aos moitos veciños e veciñas que, por diversos motivos, non puideron acudir a Compostela, pero que tanto ao longo da semana como hoxe mesmo mostraron o seu apoio ás reivindicacións dunha sanidade pública digna e de calidade. "Son moitas as mensaxes que nos chegaron estes días, e quero agradecer persoalmente a todos, os que estiveron e os que non, porque todos forman parte desta causa que é a defensa da sanidade de Soutomaior".

Sobre a manifestación, Lourenzo asegurou que este domingo "vivimos unha xornada histórica que supón un punto de inflexión. Este é o principio da fin desta desfeita de recortes que padecemos na Galiza e en Soutomaior". Para o portavoz do BNG de Soutomaior, "é un orgullo vivir este día coa miña familia e cos centos de veciños e veciñas que alí estivemos". "Querémoslle ao noso concello, e non pararemos ata acadar un Soutomaior novo coa sanidade pública que merece a nosa veciñanza".

Soutomaior mobilízase en defensa da sanidade pública na histórica manifestación de Santiago