Soutomaior é o concello coa renda máis baixa da ría de Vigo e o cuarto que menos riqueza xenera da provincia de Pontevedra

O Instituto Galego de Estatística sitúa o PIB de Soutomaior como o cuarto máis baixo da provincia de Pontevedra, só por detrás dos Concellos de Crecente, Pazos e Oia, e moi lonxe de concellos con máis riqueza como Vilaboa ou Pontecaldelas .

Soutomaior é o concello coa renda máis baixa da ría de Vigo e o cuarto que menos riqueza xenera da provincia de Pontevedra

O Produto Interior Bruto por habitante de Soutomaior situase en 10.728 € por habitante, a cuarta cifra máis baixa da provincia de Pontevedra e moi lonxe da de concellos limítrofes como Vilaboa, que se sitúa nos 16.287 euros, ou Pontecaldelas, que creceu até os 19.697 euros.

Esta magnitude mide en euros a riqueza xerada nun Concello en bens ou servizos, e sitúa a Soutomaior no vagón de cola provincial, tal é como denuncia a veciñanza. “Antes camiñabas pola Xosé Solla e todo estaba cheo de negocios, agora atopámonos baixos baleiros e algo tan triste e significativo como unha praza de abastos case centenaria coa reixa baixada e sen vida no seu interior”.

Pero ademais, Soutomaior é o concello que amosa peores datos económicos de toda a ría de Vigo. A pesar da súa situación estratéxica e de ser un concello costeiro, os  indicadores económicos de Soutomaior reafírmano no inicio deste 2023, como o concello no que a veciñanza padece a peor situación económica de todos os concellos da Ría de Vigo.

A pesar de que no pasado Soutomaior foi un concello próspero, hoxe por hoxe é o concello con  menor Renda Media Bruta e a menor Renda Dispoñible por habitante de todos os concellos da Vigo, mesmo por detrás de concellos con menos habitantes, como Vilaboa. Isto tradúcese en que as familias de Soutomaior son as que teñen menos cartos dispoñibles para facer fronte ás súas necesidades.

A este respecto, o portavoz municipal do BNG Manu Lourenzo sinalou que “é insólito que nun concello como o noso, coa ría, coa nosa localización, co camiño de Santiago ou  con  sectores produtivos como o viño ou a hostalaría sexamos os máis pobres da provincia, e con case a metade do PIB que concellos máis pequenos coma Ponte Caldelas ou Vilaboa. Soutomaior está nunha crise gravísima despois dos últimos 28 anos de goberno do PP. Converteron Soutomaior nunha vila dormitorio, sen industria e sen actividade e os datos oficiais do IGE non fan senón certificar esta situación.

“Por iso dende o BNG non nos resignamos a ver como os concellos da contorna avanzan e nos quedamos estancados, Querémoslle a este concello, e temos proxecto para acabar con esta vergoña. Soutomaior merece máis e imos dar o mellor de nós para que o concello e as familias superen esta situación” concluíu Lourenzo.

Soutomaior é o concello coa renda máis baixa da ría de Vigo e o cuarto que menos riqueza xenera da provincia de Pontevedra