Soutomaior acolle a proxección audiovisual do documental 'Dores' nun acto no que se fixo referencia á reparación das víctimas e das súas familias
O BNG participou este venres na proxección audiovisual do documental ‘Dores’, un proxecto das graduadas en Comunicación Audiovisual en Santiago de Compostela Clara Miñán, Coral Piñeiro, Laura Piñeiro e Maite Martínez, que trata sobre a represión franquista na Galiza, e en especial na existencia de diferentes campos de concentración como o que estivo situado na Illa de San Simón.
O BNG de Soutomaior participou este venres no acto de presentación no concello do documental ‘Dores’, un proxecto audiovisual de Maite, Coral, Laura e Clara que trata sobre a represión franquista na Galiza. O portavoz municipal do BNG e deputado no Parlamento galego Manuel Lourenzo aproveitou a ocasión para poñer en valor “o traballo da mocidade pola reparación da memoria”, e en especial, “destas catro mulleres que axudan a construír un país que aposte pola democracia, a reparación e a igualdade”.
Para o portavoz é un “privilexio” que iniciativas e proxectos coma ‘Dores’ permitan “ter a sorte de coñecer os erros e o sufrimento do pasado para non volver a cometelos”. “Debemos falar do futuro para construír algo mellor que o que tiveron que sufrir as nosas avoas e avós”. engadiu Lourenzo. Nese sentido, o deputado nacionalista Luís Bará incidiu no feito de que a represión na Galiza debe ser “un proceso que ten que ser contado para asegurar a atención e a reparación das vítimas e as súas familias”.
Bará sinalou que a memoria, ademais de histórica, debe ser “democrática” e “antifascista”. Para o deputado, a memoria histórica ten que construírse sobre tres grandes eixos: ser galega, ter perspectiva de xénero e afondar na socialización. “A Galiza e as galegas foron as grandes vítimas da represión”, asegurou Luís Bará, para quen “o sufrimento desas vítimas está por enriba de calquera debate político”. Concordou con Manuel Lourenzo en que é un deber das institucións “construír unha mellor sociedade, non mirando con nostalxia cara o pasado, senón con orgullo cara o futuro”.
Por último interveu a deputada provincial María Ortega, responsable de Memoria Histórica. Ortega sinalou que as políticas deben ser “ferramentas nas institucións para que a sociedade as poida empregar para o seu ben”. Para a nacionalista, a xustiza, a reparación e a verdade son os termos máis importantes que deben definir a memoria histórica.
Ademais, Ortega quixo incidir especialmente na cuestión da perspectiva de xénero no que se refire aos primeiros anos do franquismo. “As mulleres sempre foron as invisibles da represión franquista”, engadiu, “pois sufriron vexacións, violacións e axustizamentos polo simple feito de ser familiares de políticos ou sindicalistas”. Ademais, quixo recoñecer a inmensa labor que fixeron moitas destas mulleres “para mellorar as condicións de vida dos presos dos campos de concentración galegos”. “Temos a obriga de recoñecerlles ese traballo”, finalizou a deputada.