O PP de Soutomaior vota en contra da ampliación do tanatorio municipal
A iniciativa presentada polo BNG para que “Soutomaior teña un servizo de tanatorio a altura das necesidades da veciñanza” foi rexeitada polo grupo de goberno do Partido Popular. "Chama a atención que o alcalde asegure que non se pode ampliar o tanatorio para manter a integración na paixaxe e ao tempo non lle importe ter ese mesmo espazo cheo de escombros do propio concello ou pintadas fascistas alí ao lado", explicou o portavoz municipal do BNG Manu Lourenzo.
O portavoz municipal do BNG afirmou que o PP agora mesmo adica o seu tempo a cousas tan importantes como facer unha bandeira para o concello de Soutomaior mentres non lle importa que os veciños estean apiñocados, abafados de calor ou con pingueiras nos momentos máis difíciles, cando se perde un ser querido.
Apoio do BNG á concesión de axudas á cofradía
Manu Lourenzo manifestou o seu apoio á concesión de axudas para a cofradía de mariñeiros. "Son tempos de axudar ao noso sector mariñeiro ante a mortaldade da ameixa. Hai escasos días vimos de ver como Naturgy agrediu o ecosistema do Verdugo e que lle saíu case gratis. E agora son os veciños, os mesmos que lle enchen os petos a Naturgy co recibo da luz os que teñen que pagar tamén as axudas pola mortaldade da ameixa". Dende o BNG sempre apoiaremos protexer aos nosos mariñeiros, pero tamén esixiremos responsabilidades a aqueles que nos sablean co recibo da luz e destrozan os nosos ecosistemas, que é o que non fai o PP", declarou o portavoz municipal do BNG.
Polémica polo contrato da pista de Paddel
Outro dos momentos polémicos do pleno foi cando o BNG destapou que Agustín Reguera adxudicou un contrato menor por 39.997,90 euros a unha empresa de Sarria propiedade dun familiar cun cargo do PP. “ Vese que na contorna non hai empresas que poidan facer eses traballos, e o feito de que faltasen 4 euros para tivese que ir a concurso e o alcalde pudiese dar a dedo a adxudicación e que curiosamente sexa unha empresa de Sarria dun familiar do PP foi unha mera casualidade” sinalou Manu Lourenzo.