O PP de Soutomaior posicionase a favor da norma que subirá máis do dobre o recibo da auga e que tamén afecta ás comunidades de augas
No último pleno do Concello de Soutomaior, e ante unha proposta de acordo do BNG, na que solicitaba o posicionamento en común das dúas forzas do concello no que esta forza considera unha estafa aos veciños por parte da Xunta de Galiza, o PP decidiu apoiar á Xunta e votar en contra de dito acordo.
Dende o BNG advertiron que “según os datos da propia Xunta, o Concello de Soutomaior pasará de pagar 92.000 euros a máis de 200.000, aparte das obras que lle obriga a executar nun moi curto espazo de tempo tanto ao concello, como as comunidades de augas, obras que se terán que financiar con fondos propios” asegurando que “as arcas municipais vanse ver moi mermadas, e veremos que comunidades teñen a capacidade de executar as obras e a que sancións se poden enfrentar”.
“A Xunta de Galiza aproba esta norma por dous motivos, primeiro para tapar as súas vergoñas e pasarlle aos concellos un problema que non foi capaz de subsanar, e segundo, por un afán recadatorio, é indecente que coa crise que estamos a vivir, a Xunta decida meter a man deste xeito nos petos da veciñanza e das comunidades de augas, feito que xa foi denunciado por moitos concellos, deputacións e FEGAMP” afirmou o voceiro nacionalista Manu Lourenzo.
O edil do BNG tamén mostrou a súa incredulidade con que “Agustín Reguera decidiu posicionarse coa Xunta, no que o BNG tentou que fose un acordo de concello e se mostrase o rexeitamento unánime a este atropelo, atopamonos cun alcalde que decide posicionarse do lado do PP e contra os intereses dos veciños de Soutomaior”. E rematou afirmando que “ante esta situación, vémonos na obriga de pasar a acción e nos próximos días anunciaremos medidas para defender a Soutomaior deste novo ataque da Xunta de Galiza”.