O Goberno español e a Xunta constatan numerosas irregularidades cometidas polo concello de Soutomaior nas praias da contorna
O Ministerio de Transición Ecolóxica enviou ás oficinas da casa municipal un apercibimento a comezos de xullo por non pedir unha autorización á Xefatura de Costas para a “execución duns traballos consistentes na aportación de area na praia fluvial de A Xunqueira e na Praia Matilde, dos cales o concello de Soutomaior é o promotor”.
Para o grupo municipal do BNG, é inexplicábel que concello non solicitase a concesión administrativa requirida. Máxime cando Soutomaior é unha rexión de eminente tradición marítima e fluvial. Para o concelleiro nacionalista Diego Moreira, o documento enviado polo ministerio “constata o nulo coñecemento que o alcalde e os edís populares posúen en materia administrativa e de xestión dos recursos e bens da veciñanza”.
No apercibimento, Transición Ecolóxica insta ao concello a que nun futuro “ deberá solicitar a preceptiva autorización dos traballos a excutar”, ademais de incluír “o proxecto de desenvolvemento dos traballos, memoria e planos”. A institución indícalle que unha nova irregularidade neste sentido suporía a incoación do “correspondente expediente sancionador”.
Verquido de augas residuais
Pola súa parte, a Consellería de Sanidade notificou ao alcalde, a través da Xefatura da Área de Verquidos, que as labores de inspección ordinarias na praia de A Xunqueira constataron “un verquido de augas residuais en condicións inadecuadas á ría de Vigo procedente das instalacións municipais de evacuación augas pluviais”.
“Que o concello reciba este tipo de notificacións é só unha mostra máis do nulo respeto que o goberno popular deste concello mostra polo patrimonio natural de Soutomaior”, asegura Diego Moreira, quen explica que “xa en varias ocasións as praias de Soutomaior tiveron que ser pechadas ao público por mor desta clase de verquidos”.
O requerimento de Sanidade súmase ao avise da Xefatura territorial de Pontevedra instando á alcaldía a que debe asegurar a sinalización de aforos e medidas covid en todas as praias do concello, aspecto que o goberno local non cumpre. A Xefatura tamén indica que nestas praias non se levan a cabo as pertinentes labores de desinfección de espazos, para as que o concello debería elaborar un programa de limpeza.