O BNG de Soutomaior consegue un acordo na defensa dos ríos Verdugo e Oitavén
O BNG de Soutomaior vén de conseguir un acordo, no pleno de urxencia que decorreu este xoves, pola defensa dos ríos Verdugo e Oitavén. A moción, aprobada por unanimidade, insta ao Concello a trasladar tanto á Xunta como a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil o seu rotundo rexeitamento á proposta de construción do encoro de Forzáns e o transvase do Río Verdugo.
O portavoz municipal do BNG, Manu Lourenzo, explicou que con este acordo tamén se exixe a ambas administracións “unha xestión dos recursos hídricosrespectuosa co medio ambiente” dos concellos de Soutomaior e Pontecaldelas, principais afectados pola construción dun encoro en Forzáns ou polo transvasamento de Verdugo e Oitavén.
Neste sentido, o tamén deputado do Parlamento afeou que na xornada de onte, a conselleira de Infraestruturas non rexeitase a construción dese encoro, ante unha pregunta que o propio Lourenzo realizou no pleno. “A Xunta segue a negarse a desbotar a posible construción dunha presa en Forzáns, pese a que llo preguntamos directamente”, manifestou.
O nacionalista lamentou tamén que a Xunta non enviase aos concellos afectados (Soutomaior e Pontecaldedas) o informe Estudo de alternativas e documento ambiental para a mellora da garantía do abastecemento na zona sur da Provincia de Pontevedra. “Eu mesmo o solicitei no Parlamento, e polo de agora, pese a que aínda está en prazo, o Goberno galego non nolo facilitou”, concluiu.