O Ministerio de Transportes responde á petición do BNG dunha Vía Verde entre Pontevedra e Arcade
A secretaria de Estado de Transportes fixo pública unha nota de prensa ao día seguinte da mobilización convocada polo BNG na que abre a porta a realizar a obra a pesar das “dificultades” dalgúns tramos
O pasado 17 de outubro o BNG convocou unha nova marcha para reivindicar a creación da Vía Verde entre Pontevedra e Soutomaior. O portavoz municipal do BNG de Soutomaior, Manu Lourenzo; a correspondente de Vilaboa, Tereixa Carro; e o deputado nacionalista no Congreso, Néstor Rego, interviñeron durante o acto para insistir nunha petición histórica do BNG “que cambiaría a mobilidade nos concellos do fondo da ría”.
Agora, dous días despois, o Ministerio de Transportes respondeu a esta demanda mediante unha nota de prensa amosando a viabilidade do proxecto e mudando o posicionamento histórico de ADIF contrario a levar adiante estas infraestruturas. Aínda que a secretaria do Estado de Transportes fala da “dificultade” para desafectar algúns tramos do trazado en cuestión e pretende descargar algunhas obras nos concellos, abre a porta a realizar esta obra.
A este respecto, Manu Lourenzo sinalou que esta nova situación deixa enriba da mesa varias cuestións, a primeira é que a mobilización e defensa da veciñanza goberne quen goberne en Madrid é o camiño para acadar melloras como a vía verde, a segunda que aquilo que nos dicía ADIF de que esta obra non se podia facer era falso, e a terceira que agora toca poñerse a traballar todas e todos para que esta infraestrutura tan necesaria para a veciñanza do fondo da ría sexa unha realidade canto antes.
O tamén deputado no Parlamento galego sinalou que “ é tempo de que PP e PSOE deixen de empregar a vía verde para culparse uns aos outros en función de quen goberne en Madrid. Algo tan necesario para a nosa veciñanza como a Vía Verde non pode ser unha arma arreboladiza dos intereses madrileños. O BNG a través de Nestor Rego presentará unha enmenda aos orzamentos para avanzar nesta demanda. Actualmente o antigo trazado está a ser devorado polas silveiras e temos as casas colindantes inzadas de ratas e serpes. Fronte a iso nós apostamos por un trazado que permitiría mobilidade segura e ecolóxica entre Arcade e Pontevedra en 20 minutos en bicicleta por unha senda chá. Sería bo para a nosa mobilidade, para o noso turismo, para a hostalaría, para o comercio local, e nin sequera sería unha obra custosa.