O BNG de Soutomaior traslada o seu apoio á veciñanza do Conde pola imposición de torres de alarma nas portas das casas
Instalan torres de alarma da presa de Eiras fronte a domicilios pese á oposición veciñal
O Grupo Municipal do BNG de Soutomaior trasladou no día onte o seu apoio á veciñanza do Conde polos graves prexuízos que a imposición das torres de alarma de Eiras no medio das casas do barrio do Conde podería ter para a veciñanza.
O portavoz municipal do BNG Manu Lourenzo sinalou que esas infraestruturas teñen un importante impacto no barrio e que “se hai vontade poden atoparse solucións moito máis sensatas, porque o que non é de recibo e ninguén cre é que no único sitio no que poidan estar esas torres de alarma de Eiras é fronte ás portas das casas”.
Manu Lourenzo denunciou que, unha vez máis, Agustín Reguera mentise aos veciños. “Fixo o que fai sempre, na véspera das eleccións dicir que vai solucionar o problema e agora que xa pasaron as eleccións desaparece e cala mentres a Xunta do PP manda a policía para levantar as torres de alarma nas portas das casas". O peor da situación é que son os veciños e veciñas os que volven padecer as consecuencias dos enganos constantes do PP de Soutomaior.