O Concello de Soutomaior perde unha subvención para mellorar os accesos en Moreira
O voceiro municipal do BNG manifestou que Soutomaior precisa dun goberno “moderno e á altura das expectativas e necesidades da veciñanza"
A Deputación de Pontevedra ven de notificar ao alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, que o concello perdeu unha subvención destinada á mellora do acceso da Pena, en Moreira. A deputación critica que case tres anos despois de concederlle a subvención, o alcalde non presentou ningunha documentación “que xustifique a realización do gasto”, polo que puxo en coñecemento de Reguera “o inicio do procedemento para declarar a perda do dereito ao cobro da subvención concedida”.
O concelleiro do BNG en Soutomaior Diego Moreira denunciou que “unha vez máis a incompetencia do goberno local fai que Soutomaior perda unha subvención”. “O alcalde demostrou en numerosas ocasións que nin sequera é capaz de empregar as subvencións que lle conceden ao concello”, proseguiu Moreira. Para o edil, “Agustín Reguera terá que explicar esta desidia e falta de respecto á veciñanza de Moreira e a Pena, que leva tanto tempo demandando esa obra e que sigue tendo que circular por unha estrada mal remendada”.
Pola súa parte, o voceiro municipal do BNG, Manu Lourenzo, mostrou o seu descontento coa perda da subvención, que se debía empregar para mellorar os accesos de Moreira. “Os barrios de Soutomaior teñen eivas e necesidades que un goberno local serio debería atender e intentar solucionar”, declarou Lourenzo. “O alcalde demostrou en contadas ocasións que non é a persoa que pode liderar esas solucións; é tempo dun Soutomaior novo, cun goberno moderno e á altura das expectativas e necesidades da veciñanza”, concluíu.