O concello de Soutomaior deixa sen ordenadores aos nenos das familias máis necesitadas
O voceiro do grupo municipal do BNG criticou os requisitos económicos estipulados polo goberno local, xa que “imposibilitaron” a moitas familias acceder aos ordenadores
O pasado mes de marzo, o grupo municipal do BNG de Soutomaior impulsou un acordo para dotar ao estudantado das familias necesitadas do concello cun equipo informático para que puidesen proseguir coa súa educación do mellor xeito posíbel. Nove meses despois, a realidade coa que nos atopamos é que a medida que puxo en marcha o alcalde “non é suficiente” para paliar unhas eivas que se agravaron coa pandemia.
O voceiro municipal da formación nacionalista, Manu Lourenzo, explicou que “a primeira neglixencia do goberno local foi deixar a partida de 60.000 euros que nos propuxemos en 20.000”. “Decidimos aceptala porque está era unha medida necesaria, e sempre a expensas de que a contía aumentase no caso de que existise demanda”, proseguiu Lourenzo. Porén, para o voceiro “a iniciativa do PP de Soutomaior é profundamente insuficiente, tanto porque chegou tarde, co curso comezado, como porque a propia iniciativa é errónea”. ”Decidiron prestar ordenadores e non axudar a mercalos, como nos propoñíamos, e non anunciaron o máis mínimo a iniciativa, co que moita veciñanza descoñecía dela”, sinalou.
Nese sentido, Lourenzo destacou que os requisitos económicos “imposibilitaron” a moitas familias acceder aos ordenadores. “Por exemplo, para unha unidade familiar cun fillo, a renda máxima anual que se pedía en Soutomaior era de 10.168,32 euros, mentres que noutros concellos, como Pontevedra, para a mesma situación estipulábase un límite de 39.900 euros”, detallou. Para o voceiro, estas condicións foron as que provocaron que só se presentasen 2 solicitudes, tal e como recoñeceu o alcalde no pasado mes de novembro.
Lourenzo tamén salientou que “aínda está por ver se se concederán as dúas”. Ademais, referíndose a un contrato que o goberno local acaba de firmar por 15.500 euros para “mellorar a imaxe corporativa do concello”, manifestou que “non nos parece mal que concello mellore a súa imaxe, pero nun momento de pandemia como o que vivimos, as prioridades de Agustín Reguera deberían estar enfocadas a mellorar no posible as condicións da veciñanza”.
Finalmente, o voceiro concluíu asegurando que “as prioridades que mostra este goberno local e os requisitos irreais para o préstamo de ordenadores demostra unha vez máis que o tempo do PP de Soutomaior á fronte do concello é tempo caduco xa”. “Viven afastados totalmente da realidade e do día a día da veciñanza deste concello, que necesita solucións eficientes e non continuas improvisacións”.