O BNG de Soutomaior recolle centos de sinaturas en apoio da sanidade pública
Integrantes do grupo municipal constataron o compromiso da veciñanza de Soutomaior por unha atención sanitaria digna e de calidade.
Após a recollida de firmas que levou a cabo o BNG no concello de Soutomaior en apoio da sanidade pública galega, maltratada sistematicamente durante anos polo PP, quixo valorar o seu positivamente a implicación da veciñanza do concello nesta campaña, que ten por obxectivo levar ao Parlamento galego unha Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) impulsada pola plataforma SOS Sanidade Pública, da que o BNG forma parte.
Neste sentido, o portavoz municipal do BNG de Soutomaior e candidato á Alcaldía, Manu Lourenzo, recoñeceu o compromiso mostrado pola veciñanza durante a recollida de firmas. “Non é só que o número de veciños e veciñas que asinou superase incluso as mellores expectativas do BNG”, subliñou Lourenzo, “senón que todos e todas mostraron o seu malestar pola situación na que se atopa a sanidade pública galega en xeral, e a do Concello de Soutomaior en particular”.
O portavoz destacou que, ao longo dos dous días que durou a recollida de firmas, foron numerosos os testemuños de veciños e veciñas que constatan a “dramática situación” na que se atopa a atención sanitaria de Soutomaior. “A xente ten claro que o escenario actual é insostible, cunha falta cada vez maior de profesionais e recursos”, detallou Lourenzo, para despois engadir que “a veciñanza sabe que a construción dun novo centro sanitario non vai arranxar a situación en Soutomaior. Varios veciños e veciñas deron na clave: se o novo centro non trae consigo máis profesionais sanitarios, será só unha nova medida electoralista, apoiada por un PP de Soutomaior que ten abandonada desde hai anos a veciñanza do concello”.
Con vistas a seguir traballando pola sanidade pública galega, Manu Lourenzo adiantou que en setembro o BNG informará de novas datas para seguir coa recollida de firmas. “Sexa no Concello ou no Parlamento; na rúa recollendo firmas ou manifestándonos, seguiremos a carón da veciñanza loitando por unha atención sanitaria digna, fronte a un PP que está a desmantelar os servizos públicos a conciencia”, concluíu.