O PP rexeita a proposta do BNG de Soutomaior para mellorar a seguridade viaria e peonil do concello

Avenida Xosé Solla
Avenida Xosé Solla

O portavoz municipal do BNG de Soutomaior, Manu Lourenzo, criticou que non é a primeira vez que o alcalde fai caso omiso desta grave problemática

O PP rexeita a proposta do BNG de Soutomaior para mellorar a seguridade viaria e peonil do concello

O grupo municipal do PP vén de votar en contra e rexeitar unha iniciativa presentada polo BNG de Soutomaior, na que propoñía unha serie de melloras na seguridade viaria e peonil do Concello que permitisen salvagardar non só a seguridade da veciñanza, senón tamén repercutir positivamente en ámbitos tan importantes como o comercio local.

Neste sentido, o portavoz municipal do BNG, Manu Lourenzo, explicou que a formación presentaba estas melloras para “responder ás protestas que desde hai xa ben de tempo” lle fai chegar a veciñanza, e “dar unha solución a unha problemática que xa ben de lonxe e á que o goberno fai oidos xordos”.

Lourenzo detallou as melloras que o BNG levou ao pleno. O obxectivo da moción do BNG de Soutomaior era dar solución inmediata aos problemas máis urxentes en materia de seguridade viaria, ao tempo que se mantiñan xuntanzas coa veciñanza e cos axentes sociais para sinalar e buscar solucións a outras problemáticas.

“Temos un compromiso coa veciñanza que nos traslada as súas queixas e problemáticas coa seguridade viaria e peonil en Soutomaior”, afirmou o portavoz municipal, “pero o PP  négase unha vez máis a afrontar unha situación que pon en risco á veciñanza e ten causado xa máis dun problema grave. O ‘non’ do alcalde non é ao BNG, é a todos os veciños que sufren esta situación día a día e denuncian o que está a pasar”.

O PP rexeita a proposta do BNG de Soutomaior para mellorar a seguridade viaria e peonil do concello