O BNG de Soutomaior propón unha vez máis a recuperación dos muíños de Daión e da súa contorna

O BNG de Soutomaior propón unha vez máis a recuperación dos muíños de Daión e da súa contorna

O portavoz municipal do BNG de Soutomaior e deputado, Manu Lourenzo, informou este luns da moción presentada pola formación nacionalista para propoñer a rehabilitación e recuperación do conxunto histórico-etnográfico da contorna dos muíños de Daión.

O BNG propón iniciar os trámites necesarios cos propietarios dos muíños para buscar solucións a súa recuperación, iniciar tarefas de rehabilitación e poñer a disposición as partidas orzamentarias precisas para a execución destas actuacións.

Con esta iniciativa Lourenzo explicou que se pretende iniciar estes trámites nun prazo de como máximo 2 meses. O voceiro nacionalista xustifica este prazo no feito de que pese a terse aprobado unha iniciativa similar hai anos, Agustín Reguera  decidiu gardala no caixón e agarda que con este prazo o grupo de goberno abandone o inmovilismo e se poña a traballar.

Neste sentido, o portavoz municipal do BNG destacou que a recuperación dos muíños de Daión trátase dunha reivindicación histórica da veciñanza que o BNG levou en varias ocasións aos plenos, xa que suporía devolverlle o valor histórico e patrimonial a unha contorna de grande importancia para Soutomaior.

“O conxunto etnográfico dos muíños atópase nun estado de abandono que non é entendible”, asegurou Lourenzo, que defendeu que é prioritario recuperar un espazo “con inmensas potencialidades turísticas e paisaxísticas para o barrio da Devesa e para o concello de Soutomaior”. Ao mesmo tempo, o portavoz municipal destacou o espazo como un potencial “lugar de lecer privilexiado para a nosa veciñanza”, polo que o Concello debería implicarse na súa recuperación.

O BNG de Soutomaior propón unha vez máis a recuperación dos muíños de Daión e da súa contorna