O BNG de Soutomaior propón melloras na área de autocaravanas de Arcade
O portavoz municipal do BNG de Soutomaior, Manu Lourenzo, propuxo no pleno do mes de setembro unha serie de melloras nas instalacións e servizos da área de autocaravanas, despois de que veciñanza do concello lle trasladase numerosas queixas e problemáticas que alí ocorren a diario.
Neste sentido, Manu Lourenzo detallou que a veciñanza está preocupada pola situación de insalubridade e de falta de control que existe nun dos espazos fundamentais do concello. “Existe unha falta de hixiene no lugar, non hai control sobre o número nin sobre o tipo de vehículos que alí estacionan e a contorna desta área de autocaravanas, ao carón de praias, parques infantís, pistas deportivas e establecementos hosteleiros, que debería servir para o uso e desfrute da veciñanza, converteuse nun espazo insalubre e inseguro no que pais e nais non queren que estean os seus fillos pequenos”.
“Estamos a falar dun problema de hixiene, control e seguridade; nin máis nin menos”, subliñou o portavoz municipal do BNG de Soutomaior, ao tempo que afeou que o alcalde “nin sequera saiba o número de vehículos que alí poden aparcar” e, nin moito menos, os problemas que a diario sofre a veciñanza da zona por esta situación.
Manu Lourenzo asegurou que “estes problemas repercuten negativamente na imaxe que a xente ten de Soutomaior”. “Non se trata só das queixas da veciñanza, que son sinxelas de contrastar; as críticas que se poden ler nas páxinas web especializadas e de turismo mostran unha imaxe lamentable de Soutomaior e o declive de un turismo en auxe con beneficios para comercio e hostelería local. É preciso atallar canto antes esta situación”, concluíu.