O BNG de Soutomaior presenta unha iniciativa para acabar coas barreiras arquitectónicas no Concello de Soutomaior
Con esta iniciativa, o portavoz municipal do BNG, Manu Lourenzo, explicou que se pretende iniciar un estudo para un novo modelo de mobilidade no concello que permita superar os problemas actuais que implica o estado e a estrutura das beirarrúas.
Lourenzo manifestou que, “tal como denuncia a veciñanza, Soutomaior é tremendamente agresivo coa mobilidade peonil, temos os parques infantís rodeados de coches e aparcamentos, as beirarrúas estreitas que non permiten que un carro de bebé ou unha cadeira de rodas se cruce con outra, e iso, se existe beirarrúa e non se ten que invadir directamente a calzada”.
“Esta situación, unida ao deterioro do estado das lousas e a falta de mantemento, que xa derivou en varias caídas de certa complicación, está tendo un grande impacto na vida da veciñanza e no noso comercio local” proseguiu o voceiro nacionalista.
O tamén deputado no parlamento galego afirmou que “é necesario de iniciar canto antes a recuperación e arranxo das beirarrúas do concello, adoptando medidas para solucionar os problemas cos que se atopan os peóns, as persoas con mobilidade reducida ou quen transita con carros de bebé, entre outros” e concluíu dicindo que “
un concello da potencialidade de Soutomaior non pode permitirse un modelo urbano que impide unha mobilidade peonil adaptada ás necesidades do século XXI”.