BNG de Soutomaior leva ao pleno do xoves unha iniciativa para a promoción do viño de Soutomaior e a defensa das demandas dos adegueiros
O Grupo Municipal de Soutomaior aproveitou unha visita da Portavoz Nacional Ana Pontón aos adegueiros locais para anunciar esta iniciativa
Aproveitando que portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, se desprazou o pasado venres a Soutomaior para falar cos adegueiros locais e coñecer de primeira man a que definiu como “excelente calidade” dos viños desta subzona da denominación Rías Baixas, para a que reclamou unha maior visibilidade, o BNG local anunciou presenta unha iniciativa no pleno deste xoves, dado o importante papel no desenvolvemento económico do concello que ten o sector.
Pontón salientou que “é un orgullo ter produtos de tan boa calidade como a que se produce aquí en Soutomaior”, afirmou, para reafirmar o apoio do BNG a un sector “que está demostrando cada día que é clave para o futuro deste País”.
Así mesmo, o portavoz municipal e deputado Manu Lourenzo xustificou esta iniciativa “ante a pasividade do goberno municipal, que despois de comprometerse con nós durante anos a facer xornadas de promoción e por en valor un sector clave do noso concello, polo que aporta en termos económicos e de creación de emprego, pero tamén polo importante papel que xoga á hora de fixar poboación no rural e na preservación do territorio, temos que ver como todo quedou en papel mollado e nada se fixo”.
“Hai que por no mapa un produto diferencial e de altísima calidade que debe levar o nome de Soutomaior por todo o mundo, e temos que facelo xa, demasiado tempo levamos perdido”, afirmou, para recalcar a continuación que “non se pode aforrar nin un só euro, nin esforzo na súa promoción”.
Lourenzo incidiu na necesidade de que este sector, ao igual que moitos outros sectores produtivos do concello, deben contar “cun impulso que non se está a dar” e, neste sentido, recalcou que o futuro do concello “pasa por unha aposta decidida polos sectores estratéxicos como o do viño e polos produtos de altísima calidade dos que gozamos”.
Os adegueiros locais agradeceron a visita de Ana Pontón e aproveitaron para solicitar un maior apoio institucional e de promoción nos medios de comunicación da que é a subzona máis descoñecida, pequena e exclusiva da Denominación de Orixe Rías Baixas e mostrar o seu respaldo a esta iniciativa do BNG.