O BNG de Soutomaior insiste en que o Pleno da Sanidade deberíase celebrar na Casa da Cultura para facilitar a asistencia da veciñanza
Logo de que o alcalde de Soutomaior, obrigado a convocar un pleno extraordinario sobre a situación da sanidide no concello pola solicitude do BNG, decidira que dito pleno se celebre o luns 19, ás 13h, no propio concello, pese a que o grupo solicitante explicitara na súa solicitude que se fixera na Casa da Cultura “Rexina Míguez” de Soutomaior e nun horario consensuado.
Dende o BNG opinan que a defensa da sanidade pública non é patrimonio de ninguén, senón a loita do pobo de Soutomaior na defensa dos seu dereito a ter unha atención sanitaria digna e non agardar 15 días por unha cita, en palabras do seu voceiro Manu Lourenzo “a veciñanza deu moitas demostracións de dignidade nos últimos meses, saíndo dúas veces masivamente a manifestarse na rúa na defensa da sanidade pública do concello”
“Nulo favor lle fai Agustín Reguera a esta veciñanza, cando pretende converter o que podería ser unha demostración de forza e de unión dun pobo na defensa da sanidade, cunha resposta unánime de ambas forzas co respaldo da veciñanza nun pleno ateigado, nun acto baleiro de contido e simbolismo, convocado nun espacio pequeno e ateigado de material, nun día laborable e a unha hora inaccesible para a maioría da veciñanza, que ten que ver como o alcalde lles furta o seu dereito a participar desta reinvindicación” proseguíu Lourenzo.
Lourenzo tamén manifestou que “isto só se explica entendendo que Agustín Reguera o único que pretende é protexer ao seu partido e a Xunta da resposta unánime dunha veciñanza que non atura máis esta situación e que ten que ver como o Alcalde lle da as costas” e concluíu dicindo que “nós instamos ao alcalde a que non lle furte o dereito á veciñanza de loitar en cada sitio onde sexa posible pola atención sanitaria que precisamos e merecemos, a que recapacite, abandone esta defensa a ultranza do PP por riba dos dereitos de Soutomaior, que se poña ao carón da veciñanza e convoque o pleno na Casa de Cultura de Soutomaior e a un horario no que a veciñanza poda asistir”.