O BNG de Soutomaior impulsa varios acordos no pleno para mellorar as condicións do concello
O grupo municipal do BNG de Soutomaior conseguiu impulsar na sesión plenaria de hoxe varios acordos para mellorar as condicións de vida da veciñanza do concello. Coincidindo co Día Internacional contra a Violencia de Xénero, os nacionalistas presentaron unha moción para condenar a violencia machista e fomentar que o concello siga a traballar no fomento de espazos seguros para as mulleres e outros colectivos discriminados.
Por outra parte, o voceiro municipal, Manu Lourenzo, presentou unha moción para que o concello demande ao Ministerio de Fomento a construción dunha senda peonil e ciclista nas antigas vías do tren. Despois do pleno, Lourenzo recordou que o BNG leva meses a capitalizar a loita e a reivindicación histórica da veciñanza de Soutomaior para que se constrúa unha Vía Verde que una Arcade e Pontevedra. Recentemente, o voceiro reuniuse co alcalde de Pontevedra, Fernández Lores, e co deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, para traballar na petición ao ministerio.
Tamén defendeu unha moción para solicitar a reapertura do consultorio de Romariz mentres non se poña en funcionamento o centro de saúde planificado pola Xunta. O voceiro do BNG esixiu que se deben garantir as condicións e melloras necesarias para que a veciñanza do concello poida desfrutar dunha sanidade pública digna. “As persoas que viven nos barrios de Soutomaior merecen unha atención médica digna e de calidade”, aseverou o tamén deputado no Parlamento.
Por último, o grupo municipal impulsou un acordo para que se desenvolvan as melloras necesarias no barrio de Aranza. Estas melloras, que repercuten sobre todo en infraestruturas básicas e accesos, “repercutirán positivamente nas condicións de vida da veciñanza do barrio”, destacou Lourenzo, ao tempo que remarcou que “o BNG seguirá a loitar para que todos os barrios de Soutomaior poidan contar cunha calidade mínima; seguiremos a reunirnos e a poñerlle voz ás problemáticas do barrio”, concluíu.
O voceiro mostrou a súa ledicia porque o BNG impulsase estes catro acordos que “mellorarán notablemente as condicións da veciñanza do concello”, ao tempo que emprazou ao grupo municipal nacionalista a seguir traballando para construír un Soutomaior novo.