O BNG de Soutomaior impulsa un acordo para exixir que Viaqua cumpra os pregos do contrato de atención ao público
O grupo municipal do BNG vén de impulsar un acordo no pleno do pasado mes de xaneiro para exixir que a empresa de abastecementos de auga Viaqua cumpra os pregos do contrato de atención ao público, que a concesionaria incumpre sistematicamente desde hai case tres anos.
A empresa non cumpre o prego que lle obriga a ter un horario de 20 horas presenciais mínimas de luns a venres, ademais de ter que abrir un día a semana pola tarde. O malestar da veciñanza, que até ten que ausentarse no traballo para poder realizar moitas das xestións, segue a crecer sen que Viaqua, en conivencia co alcalde, faga nada. Ademais, a pesar de vir recollido no prego de condicións, a oficina carece de acceso para persoas con mobilidade reducida, o que ten ocasionado varias queixas.
O voceiro municipal do Bloque, Manu Lourenzo, cargou contra o Goberno local por permitir esta situación. “Se un veciño leva adiante unha iniciativa co Concello, está obrigado a cumprir con todo o disposto nos pregos e normativas; para as empresas debe ser o mesmo, pero o alcalde segue sen facer nada por resolver esta situación”. Lourenzo, que xa defendeu esta cuestión en varios plenos con mocións e preguntas ao Goberno local, lamentou “estar nun círculo vicioso no que o BNG denuncia a indefensión da veciñanza e o alcalde posicionase sempre a carón da empresa que incumpre os contratos”.
O nacionalista sinala que “a veciñanza cumprimos coa nosa parte, pagamos as facturas, e a empresa non está a corresponder”. Tampouco entende as escusas de Viaqua, que Agustín Reguera compra e esgrime en todos os plenos nos que se fala deste tema. “Poderíamos entender que nunha situación de pandemia, a empresa se vise obrigada a pechar as súas oficinas en períodos concretos e por causa xustificada”, detallou Lourenzo, “pero o que está a facer Viaqua é aforrarse un salario a costa de prestar o servizo á veciñanza, desamparada por un alcalde que non defende os intereses xerais”.
Lourenzo conseguiu impulsar un acordo, a través dunha autoemenda da moción do BNG, para que o Concello exixa a Viaqua que, unha vez a situación da pandemia en Soutomaior “estea nuns números razonables”, abra unha tarde á semana para cubrir o horario de atención ao público presencial, mantendo a atención polas mañás.