O BNG de Soutomaior impulsa un acordo para esixir á Xunta que cubra as “necesidades reais” do novo centro de saúde
O grupo municipal do BNG levou ao pleno do mes de xaneiro unha moción para que o Concello de Soutomaior demande á Consellería de Sanidade que o centro de saúde que se está a proxectar en Arcade estea dotado de espazos suficientes, persoal e medios que cubran as “necesidades reais” da veciñanza.
Pese ás escusas do alcalde e a abstención do Partido Popular, o voceiro municipal dos nacionalistas, Manu Lourenzo, conseguiu impulsar un acordo para que o Concello esixa á Xunta 4 médicos a xornada completa, 5 enfermeirxs a xornada completa, Servizo de Odontoloxía (en días alternos), Servizo de Xineconoloxía (en días alternos), Servizo de Fisioterapia (en días alternos), 2 Persoas de Servizos Xerais (administración), Servizo de raios X e a unificación do servizo con Pontesampaio e Vilaboa para atender as urxencias e non ter que desprazarse á Parda. Todo isto a maiores dos servizos cos que xa conta actualmente o centro sanitario de Arcade.
Lourenzo explicou que a proposta foi consensuada con persoal sanitario, e todos coincidiron na “falta de servizos” que actualmente presenta o centro de saúde e coa necesidade de cubrir este persoal para dar o servizo que esta poboación precisa. Na súa réplica, o alcalde non só desleixou a proposta do BNG, senón que puxo en dúbidas as consideracións dos sanitarios, a pesar de que o propio Goberno local non levou a cabo ningún tipo de proposta ao respecto.
O voceiro municipal do BNG lembrou a veciñanza que a formación leva anos a traballar para esixir á Administración galega que cubrise as necesidades sanitarias do concello, estivese quen estivese á fronte da Xunta. “A veciñanza de Soutomaior non precisa nin de sectarismo nin de unilateralidade”, asegurou Lourenzo, “senón que precisa de acordos e do dialogo permanente coa veciñanza e cos seus representantes para acadar unha sanidade pública de Soutomaior que responda ás necesidades reais do noso concello”.
Despois do pleno, lamentou que teña que ser o BNG quen promova este tipo de mocións, xa que “demostran unha vez máis que o mandato deste alcalde e o seu inmobilismo non fai máis que penalizar á veciñanza de Soutomaior. Seguimos co consultorio de Romariz pechado, cos cupos sanitarios desbordados e Agustín Reguera prefire porse do lado da Xunta que do da veciñanza de Soutomaior”. A pesar diso, Lourenzo afirmou que “seguiremos a traballar por un Soutomaior novo, no que se garanta a sanidade pública de calidade”.