O BNG de Soutomaior demanda melloras para o barrio de Arcade de Riba

Arcade de Riba
Arcade de Riba

Aparcadoiros, a humanización da praza da Aldea e Pozovello e instalacións con servizos, entre as demandas que o BNG presentou ante a veciñanza do barrio

O BNG de Soutomaior demanda melloras para o barrio de Arcade de Riba

O grupo municipal do BNG de Soutomaior vén de rexistrar unha iniciativa na que propoñen a adopción dun acordo para acometer diversas melloras no barrio de Arcade de Riba.

Estas melloras, que foron presentadas e dialogadas coa veciñanza na xuntanza mantida polo BNG de Soutomaior na praza da Aldea o pasado 22 de setembro, teñen como principal obxectivo a aposta pola barrio e o desenvolvemento de todo o seu potencial, para convertelo no espazo vivo e dinámico que a veciñanza demanda.

Entre as propostas que o portavoz municipal do BNG, Manu Lourenzo, presentou á veciñanza destacan a humanización das prazas da Aldea e Pozovello. “Son espazos cun importantísimo valor histórico e paisaxístico que se atopan absolutamente abandonados. Eses lugares precisan dunha intervención para que os nenos poidan volver a xogar na rúa, ao tempo que os coches conten con espazos adecuados para aparcar”, sinalou.

Sobre a ausencia de prazas de aparcamento xirou outras das propostas do BNG para o barrio. “É imprescindíble dotar o barrio de chan público para aparcar porque agora mesmo a falta de prazas non só prexudica á veciñanza, senón que está a crear conflitos entre veciños porque o alcalde prefire poñerse de perfil”, criticou o portavoz municipal do BNG de Soutomaior.

Manu Lourenzo tamén demandou outras melloras para o barrio. “Precisamos de espazos públicos nos que a xente maior poida estar, no que a veciñanza poida xuntarse e no que os nenos poidan xogar e practicar deporte”. Así mesmo, exixiu unha actuación na curva do Forno. “É un lugar perigoso que provoca grandes prexuízos para a veciñanza. Hai alternativas e vontade da veciñanza para colaborar, o que non hai é un goberno que teña na cabeza estes problemas e se preocupe pola veciñanza. Arcade de Riba é un barrio cun inmenso potencial e dende o BNG traballaremos sen descanso ata que se converta no barrio que a veciñanza merece”, concluíu Lourenzo.

O BNG de Soutomaior demanda melloras para o barrio de Arcade de Riba