O BNG de Soutomaior consegue aprobar melloras para o barrio de Aranza pese á abstención do PP
Os nacionalistas lamentan que Agustín Reguera asegurara que non as vai a executar.
O concelleiro do BNG de Soutomaior, Diego Moreira, defendou no pleno da pasada semana a necesidade de tomar medidas para executar melloras no barrio de Aranza. Estas medidas xa foran aprobadas hai un ano, pero ante a falta de execución por parte do Concello e o empeoramento das condicións en parte do barrio, o BNG decidiu levalas novamente ao pleno.
Moreira explicou que o feito de que o PP non executase ningunha actuación obrigou o BNG de Soutomaior a exixir novamente a toma de medidas. “Non se pode entender que un tema que saíu aprobado hai un ano, non só non se executase, senón que as condicións aínda sexan peores. O desleixo por parte do goberno é absoluto”,
Neste sentido, o edil nacionalista asegurou que a abstención do PP nesta iniciativa, así como as palabra de Agustín Reguera de que non a vai executar, son “unha demostración máis da autentica desidia na que está instaurado o grupo de goberno e o abandono total no que teñen os barrios, o que xa é dende hai tempo un auténtico insulto á veciñanza que sufre problématicas día a día. Este desleixo é o único que reciben día a día”.
Na súa intervención, Diego Moreira exixiulle ao alcalde que abandone o inmobilismo e se poña a traballar polos veciños. “Non pode ser que o primeiro que mires ao chegar a Aranza sexa unha ponte co pasamans e adoquinado rotos, uns colectores abandonados furados por todos lados ou que os equipos de emerxencia non poidan acceder á metade das vivendas do barrio, mentres o alcalde dá isto como bo e non faga nada por solucionalo”.