O BNG de Soutomaior anuncia mobilizacións e un pleno extraordinario se non se solucionan as carencias do IES antes do inicio do curso
O portavoz municipal do BNG de Soutomaior, Manu Lourenzo, anunciou que a formación ten pensado chamar á mobilización se non se solucionan as carencias do IES Soutomaior antes do inicio do curso en setembro. Ademais, tamén convocará un pleno extraordinario para denunciar estas carencias, provocadas pola Xunta, e o “silencio cómplice” do alcalde.
Despois de acompañar á portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, nunha visita ao instituto de Soutomaior para que coñecese de primeira man as deficiencias que o portavoz municipal denunciou xa en varias ocasións no Parlamento galego, Lourenzo reafirmouse na convicción de que “outro IES é posible, se existise o compromiso dunha Xunta e dun Goberno local que preferen pechar os ollos e obviar unha realidade e unhas deficiencias que non só denunciamos nós, senón que tamén o Consello escolar e a dirección do instituto”.
"No BNG levamos anos a traballar por un instituto digno en Soutomaior”, lembrou o portavoz municipal do BNG de Soutomaior, “pero cada NON da Xunta ou do alcalde a algunha proposta ou iniciativa presentada por este grupo municipal non vai dirixida a nós, senón que á toda a veciñanza de Soutomaior, e en especial á comunidade educativa deste concello, que é a que sofre a desfeita do IES”.
Neste sentido, Lourenzo insistiu en que, se non se dan solucións urxentes aos problemas e carencias do instituto o antes posible, “saíremos á rúa para denunciar a situación e esixir o que nos pertence: unha educación digna e de calidade para a nosa mocidade”. “Outro Soutomaior é posible, no que a veciñanza se sinta verdadeiramente representada e protexida polo seu Concello, e no BNG estamos a traballar para conseguir iso”, sentenciou o portavoz municipal.