O BNG de Soutomaior anuncia unha batería de medidas para que se fagan os trámites e accións necesarias para dotar ao concello de fibra óptica
O alcalde Agustín Reguera anunciara en xaneiro de 2021 que comezaban a instalación e adquiría o compromiso de que en xaneiro do 2022 a totalidade da veciñanza tería acceso a este servizo, pero a día de hoxe máis da metade do concello sigue sen acceso a este servizo.
O edil nacionalista Diego Moreira manifestou que “ moitos veciños siguense dirixino a nós para queixarse desta situación, é incomprensible que mentres no rural dos concellos limítrofes teñen acceso a fibra dende hai anos na totalidade do seu territorio, en Soutomaior non chega, e nin tan sequera hai previsión de que o faga a curto prazo, a máis da metade da veciñanza”.
“Despois dunha pandemia, na que a veciñanza precisou deste servizo para que os nenos e nenas puideran seguir as clases e os adultos adaptarse ao teletraballo, situación que sigue sendo moi necesario, miramos como outra vez chegamos tarde, e a parálise a que nos ten instaurados este equipo de goberno pagámola a veciñanza, cando miramos que servizos tan necesarios nestes tempos que corren siguen sen estar cubertos” concluiu o concelleiro.
O voceiro municipal do BNG e deputado Manu Lourenzo quixo recalcar que “ estamos fartos de propaganda, hai máis dun ano dicíase que en xaneiro teriamos fibra e seguimos agardando, en xaneiro dicíasenos que se nos ía convocar a unha xuntanza para explicar a situación actual e ver que medidas podiamos adoptar e seguimos agardando” e rematou afirmando que “non imos agardar máis, faremos unha batería de medidas para presionar tanto ao goberno municipal como ás instaladoras e estamos seguros que a fibra óptica será unha realidade no noso concello máis cedo que tarde”.