O BNG de Soutomaior acada novamente un acordo para poñer en valor a contorna dos muíños de Daión
O acordo saíu adiante a pesar da abstención do PP
Precisamente Manu Lourenzo explicou que, a pesar de que aquelas iniciativas de 2019 e 2021 foran aprobadas, o feito de que o PP non executase ningunha actuación obrigou o BNG de Soutomaior a volver a levar o tema ao pleno. “Non se pode entender que un tema que foi tratado tantas veces no pleno e saíu aprobado en varias ocasións siga no mesmo punto que a primeira vez”, criticou o portavoz municipal, que lamentou o “estado de desleixo absolutamente lamentable” no que se atopa a contorna dos muíños.
Neste sentido, Lourenzo asegurou que a abstención do PP nesta iniciativa impulsada polo BNG de Soutomaior serve a Agustín Reguera “para non denegala pero seguir sen facer nada”. O portavoz municipal afirmou que a escusa posta polo alcalde de que non se pode comprometer a restaurar a contorna de Daión porque “hai eleccións o ano que vén” só pode ser considerada como “un auténtico insulto á veciñanza”.
Na súa intervención, Manu Lourenzo reivindicou a importancia patrimonial, paisaxística e turística da contorna dos muíños. “A recuperación do conxunto etnográfico de Daión é unha demanda histórica da veciñanza. É un espazo fundamental, non só para o barrio da Devesa, senón que para todo o concello de Soutomaior”.