O BNG solicita que se volvan a retransmitir os Plenos do Concello de Soutomaior
Unha vez rematado o peor da pandemia, a normalidade non volveu aos plenos do Concello de Soutomaior, xa que tal e como denuncian dende o BNG, os últimos plenos, xa presenciáis, non foron gravados nin retransmitidos na canle de youtube do concello tal e como viña sendo habitual.
Cuestionado no último pleno, Agustín Reguera, escudouse en que a videoacta, que se grava dende unha webcam colocada ao final da sala e na que en moitas ocasións só aparece a documentación co audio en lugar do video, ben vale para que se entere quen se quera enterar.
Dende o BNG consideran estas declaración un atropelo ao dereito da veciñanza a estár informados da actividade municipal “poñen os plenos a unha do mediodía para que a xente non poda asistir, mesmo retiraron as cadeiras para o público e mesmo puxeron unha pantalla xigante que limita a visibilidade dos asistentes, e agora, e pese ao seguimento que tiñan por parte da veciñanza, deciden por eles mesmos deixar de gravalos e retransmitilos” manifestou o voceiro municipal Manu Lourenzo.
“A falta de transparencia é absoluta, non pode quedar a vontade dun alcalde ocultar o que pasa nos plenos, Agustín Reguera debería explicar que é o que lle quere ocultar á veciñanza para tomar este tipo de decisións” e rematou recalcando que “non é de recibo ter unha empresa contratada cos cartos de toda a veciñanza para facer estas retransmisións ocupada na publicidade do Alcalde, por iso imos presentar unha iniciativa para que se retomen estas retransmisións, e a canle do concello deixe de ser teleAgustín para pasar a ser unha ferramenta para que a veciñanza esté ao tanto do que acontece en Soutomaior”.