O BNG propón que Soutomaior conte cun espazo adecuado para o asentamento de empresas
Lourenzo: “Sen chan industrial Soutomaior seguirá condenado a ser os máis pobres da provincia. Como imos ser competitivos se o único que ofrece o PP para solucionar a crise de Soutomaior é unha ocurrencia de última hora para facer 5 ou 6 microoficinas sen aparcamento nin servizos asociados no colexio da Oliveira?”
O BNG de Soutomaior ven de propoñer o desenvolvemento de chan industrial no concello con“lugares adecuados e ofertas de terreo e instalacións atractivas para o asentamento de empresas no concello”.
“Hoxe hai empresas que veñen buscar sitio aquí para asentarse en Soutomaior e teñen que marchar para Barro ou para Vilaboa porque aquí non hai chan industrial e as poucas naves que hai non poden nin alugarse porque o PP non desenvolveu nin un metro cadrado de chan industrial e polo tanto non poden acceder aos permisos” sinalou Manu Lourenzo.
Dende o BNG sinalaron que agora mesmo no polígono de Barro-Meis, ademais de miles de metros de chan industrial moi atractivo ao que van empresas como Froiz, Estrella Galicia, etc. hai un viveiro de empresas con 16 naves, 24 oficinas e 3 espazos de coworking con capacidade para 12 persoas cada unha. Como imos ser competitivos en Soutomaior se o único que ofrece o PP é 5 ou 6 minioficinas no colexio da Oliveira, sen nin ningún tipo de servizo asociado, nin aparcamento, quen se atreve a facer este tipo de anuncios pouco ou nada sabe deste tipo de espazos.
Lourenzo sinalou que “Soutomaior merece un gobeno que non se ría da veciñanza e ofreza algo máis que ocurrencias de última hora para solucionar unha crise tan grave. Se pensamos en pequeno como pasou co instituto, coa escola infantil etc. Soutomaior seguirá indo a menos. Debemos traballar en serio para que Soutomaior sexa competitivo e deixar de facer anuncios que ao final só lle serven ao PP pero arruínan á veciñanza. O futuro de Soutomaior pasa por desenvolver chan industrial e atraer empresas como se está facendo en tantos concellos. Merecemos un concello próspero e traballaremos sen descando para acadalo”.