O BNG propón o plan 'Novo Soutomaior', un gran acordo orzamentario para superar a crise que atravesa Soutomaior

O goberno de Agustín Reguera rexeita estas medidas e nin sequera acepta sentarse a dialogar  as propostas do grupo que representa a metade de Soutomaior 

O BNG propón o plan 'Novo Soutomaior', un gran acordo orzamentario para superar a crise que atravesa Soutomaior

O BNG ven de propoñer no pleno de orzamentos o Plan ‘Novo Soutomaior’,” unha proposta de acordo para rescatar Soutomaior da situación que padece e baseada en cinco puntos: Saneamento da ría e medio ambiente; modelo urbano, comercio local e aparcamento; fomento do emprego e atracción de novas empresas; servizos públicos no concello (sanidade e educación); e participación, cultura e deporte. A pesar de que moitas das medidas contempladas neste plan están acordadas coa veciñanza e que foron postas en varias ocasións a disposición do pleno, o PP de Soutomaior nin sequera quixo sentarse  a falar das mesmas.

“O que propoñemos con este proxecto é incrementar as axudas ao deporte ou á banda de música, chegar a acordos para atraer empresas a Soutomaior ou en defensa da ría da sanidade e da educación”, sinalou  o portavoz municipal do BNG, Manu Lourenzo. “Non entendemos por que o PP un ano máis pasa a apisoadora e négase incluso a sentarse a falar”.

O PP de Soutomaior, que aprobou en solitario e con tres meses de retraso un orzamento que reduce en case 300.000 euros a capacidade orzamentaria do concello, tivo que botar mans de cifras que non están no propio orzamento para anuncios que vimos tendo dende hai anos. “Levamos 5 anos coa depuradora, 4 co colexio da Oliveira, 4 cos investimentos de Viaqua. Se vemos orzamentos doutros anos vemos que aparecen estes mesmos anuncios e que ao final nunca se concretan en nada”, lamentou Lourenzo.

Dende o BNG denunciaron a falta de concreción e de partidas específicas para que Soutomaior “siga avanzando”, en palabras do seu voceiro Manu Lourenzo. “Non é de recibo que nun concello que ten os peores datos económicos da ría de Vigo o PP presente un orzamento á baixa, na que reduce en 150.000 euros a partida para promoción de emprego. Falan de débeda cero cando temos o concello hipotecado por alugueres estratosféricos”, denunciou Manu Lourenzo.

Debate sobre a crise económica de Soutomaior

Durante o pleno, Agustín Reguera incorreu nunha contradición ao dicir que Soutomaior “é o concello coas pensións e  os salarios máis baixos da ría debido á natalidade, xa que como hai nenos nos fogares hai que dividir entre máis”. Porén, o voceiro do BNG respondeulle que se esa fose a causa “teríamos que ser tamén os que tivésemos menos ingresos por desemprego, e en cambio somos os segundo máis altos da provincia de Pontevedra”.

Manu Lourenzo sinalou que “Soutomaior padece unha crise moi seria e o que demandan os veciños e que cheguemos a acordos para superar esta situación. Nós temos un proxecto con propostas acordadas coa veciñanza. Querémoslle a Soutomaior e xa é hora de que os cartos dos veciños sexa para que Soutomaior avance e non para os intereses do PP”.

O BNG propón o plan 'Novo Soutomaior', un gran acordo orzamentario para superar a crise que atravesa Soutomaior