O BNG propón duplicar as prazas de aparcamento no centro Urbano de Arcade para axudar ao comercio local
Manu Lourenzo tamén propón que nos aparcamentos haxa a disposición da veciñanza carriños da compra como acontece nos centros comerciais.
O BNG de Soutomaior vén de propoñer unha actuación para duplicar o número de prazas de aparcamento no centro de Arcade. Unha actuación que permitiría ao concello contar con novos espazos de aparcamento acondicionados e integrados na contorna, para recuperar un centro urbano dinámico. O centro de Arcade, sempre foi un espazo vivo e dinámico, hoxe é tan só caos de tráfico e deterioro das beirarrúas. Os escasos aparcamentos públicos que hai para a veciñanza están nun estado lamentable e provocan que cada vez menos xente se achege.
A este respecto, o Portavoz Municipal do BNG Manu Lourenzo sinalou que “trátase dunha medida imprescindible para que o concello avance. Unha actuación que permita duplicar as prazas de aparcamento que temos hoxe no centro de Arcade, e poñer beirarrúas decentes e accesibles.
Neste sentido, o portavoz municipal do BNG, Manu Lourenzo sinalou que con esta actuación o centro urbano e comercial volverá a ser o espazo próspero e dinámico que nunca debeu deixar de ser. Todos os concellos coidan os seus espazos urbanos, con actuacións como as que favoreceron o comercio local en Redondela ou Ponte Caldelas, pero en Arcade o núcleo urbano parécese cada día máis a un suburbio no que cada día compra menos xente. Non pode ser que sexamos tamén os últimos nisto.
O portavoz do BNG indicou que ademais desta medida, propoñen poñer a disposición dos comerciantes e da veciñanza, carros do supermercado, “como hai nos centros comerciais pero en Arcade estarían no aparcamento público para que a xente poida empregalos no comercio local. Trátase de que o centro de Arcade sexa un centro comercial aberto e dinámico.